O mensual Novas da Galiza publica unha reportaxe de investigación sobre o emporio de Amancio Ortega no que dá conta de supostas irregularidades.
A empresa galega Inditex é un dos proxectos empresariais máis importantes do mundo. Este mes, o xornal Novas da Galiza publica unha extensa reportaxe de catro páxinas na que analiza moi criticamente os vimbios cos que Amancio Ortega construiu o seu emporio. Na información, asinada por Hilda Carvalho, repásase os nomes das persoas chave de Inditex e a súa relación cos círculos económicos, políticos e incluso xurídicos.
Na reportaxe non faltan alusións, entre outros asuntos, a denuncias urbanísticas e a irregularidades laborais nas subcontratas. Dende esta publicación conclúen que o posicionamento económico de Amancio Ortega fai del unha persoa apenas coñecida e "intocábel" socialmente.