Imponse o criterio da Consellaría de Presidencia, desde onde non lle vían encaixe "xurídico" ao bloqueo ao acceso dos promotores aos gobernos locais.
O presidente da Xunta en compañía de Telmo Martín, ex alcalde de Sanxenxo
Era o asunto que durante semanas mantiña paralizado o proxecto de Lei de Vivenda. Hai xa tempo que desde a Consellaría de Vivenda recoñecían que o tirapuxa coa Consellaría de Presidencia ao respecto deste punto era o artigo pendente de redacción da norma. Finalmente, o regulamento da incompatibilidade dos alcaldes para exerceren como promotores inmobiliarios no mesmo municipio onde gobernan queda fóra da lexislación.
O anteproxecto de lei presentado este martes sinala simplemente a existencia dunha incompatibilidade "ética" o feito de que os alcaldes e edís poidan ser promotores. Así, e malia a "satisfacción polo conxunto da norma", a propia conselleira, Teresa Táboas, admitía que tería preferido que o texto legal final incluíse unha "prohibición expresa" desta actividade. Triunfan así as teses sostidas tamén desde o PP, onde por exemplo un dos máis coñecidos alcaldes que no seu tempo compatibilizaron cargo coa actividade inmobiliaria, Telmo Martín, ex rexedor en Sanxenxo e agora voceiro municipal do PP en Pontevedra, acusara ao Goberno de pretender unha norma que na súa opinión sería "inconstitucional".