Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Materias pendentes

A maior parte dos Concellos galegos aínda non adaptou o seu PXOM á normativa vixente

Dos municipios costeiros, só Vigo e a Pobra cumpren a norma dos 500 m. Ademais, moitos incumpren tamén a "obriga legal" de publicar a lista de bens dos seus edís.

Redacción / EP - 13:40 06/07/2008
Concellos de Galiza

Concellos de Galiza

Uns 291 Concellos, máis do 90 por cento do total, non ten aínda hoxe, o seu planeamento urbanístico adaptado á Lei de Ordenación Urbanística do Medio Rural de Galiza, pesa a que a data límite para facelo era o 1 de xaneiro de 2006.

En concreto, e segundo a axencia Europa Press, só os concellos de Lousame, Oroso, As Somozas, A Capela, Vilarmaior, Cerdido, Vedra, Boimorto, Zas, Curtis, Toques e A Pobra do Caramiñal, na Coruña; O Incio, Paradela e Castroverde, en Lugo; e San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Avión, Amoeiro e Laza en Ourense, recibiron a aprobación definitiva dos seus PXOM por parte da Consellaría de Política Territorial.

A todos estes súmase o plan de Ourense, que está anulado por unha sentenza do TSXG, aínda que segue en vigor (porque o documento que o anula aínda non é firme). Ademais, recibiron xa a aprobación parcial dos seus ordenamentos urbanísticos Santiago de Compostela e Vigo, este último o único plan de toda a provincia de Pontevedra adaptado á Lei. De feito, só o Concello de Vigo e o da Pobra do Caramiñal adaptaron o seu PXOM á lei de 2002, o que lles permite quedar á marxe da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na franxa dos primeiros 500 metros do litoral que recolle a Lei de Medidas Urxentes de Protección do Litoral.

Incumprimento na publicación das listas de bens
Son varias as leis que falan da "obriga de publicar", é dicir, de "facer patente e manifesto ao público" a declaración de bens e de incompatibilidade de intereses dos concelleiros, mais tamén esta segue a ser unha materia pendente nos principais Concellos do país. Aínda que este requisito foi cumprido polos edís destes municipios antes de tomar posesión, na actualidade só se fixo efectiva en Compostela.

Das sete grandes cidades, só a capital cumpre a normativa, e faino a través dunha listaxe dispoñíbel na súa web municipal; Ourense e Pontevedra tamén avanzan nesta dirección, a primeira vai publicar os bens dos seus edís a través da web, a partir da segunda quincena de xullo (cando se saiban os resultados da Declaración da Renda) e a segunda incluíu na modificación do regulamento orgánico da Corporación local unha proposta para que se faga a declaración de bens, que podería publicar na páxina do Concello (onde xa teñen retribucións dos membros da corporación e altos cargos).

Na Coruña teñen previsto facilitar o acceso aos bens dos seus edís, mais non publicándoos na rede, senón nun rexistro para cuxa consulta haberá que pedir cita, como se fai noutros concellos.

Por outro lado, tamén houbo interpretación distintas da normativa, como a protagonizada por Abel Caballero, ao alcalde de Vigo, que a "título voluntario" publicou na web municipal a súa declaración de bens (en pdf).


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: