Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza da Comisión Mixta

Transferencias competenciais: só catro das últimas nove prometidas

Fanse efectivos os traspasos do Parque das Illas Atlánticas, o persoal do Hospital de Defensa de Ferrol, a expedición de títulos académicos non universitarios e a declaración de utilidade pública das asociacións.

Redacción - 19:45 23/06/2008

En decembro de 2007 foran nove as competencias sobre as que o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, adquirira o compromiso de seren transferidas a Galiza. Logo da xuntanza este luns da Comisión Mixta de Transferencias quedan pendentes aínda cinco: a titularidade de arquivos, bibliotecas e museos do Estado, a xestión de bolsas axudas ao estudo; a titularidade de determinados bens da Seguridade Social adscritos a servizos transferidos á Xunta na provincia de Ourense; o saldo da débeda de superficie que o Estado ten con Galiza, e a inspección de traballo.

Con todo, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, congratulouse este luns dos traspasos rubricados e dixo estar seguro de que o proceso negociador impulsado pola Xunta, baseado segundo el "no consenso político e a cooperación intelixente", seguirá dando froitos neste sentido. "A Galiza non lle interesa a confrontación pero tampouco a submisión, e para iso temos a forza moral e política que nos dá o consenso", afirmou Quintana, salientando a aposta pola mellora do autogoberno do que definiu como "a vía galega, baseada na cooperación intelixente co Estado".

"Satisfacción" pero "esixencia" sobre as reclamacións consensuadas
O vicepresidente da Xunta reclamoulle á ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, que o goberno español resolva xa favorabelmente as cinco competencias prometidas polo propio presidente do executivo español o pasado mes de decembro. Ademais, subliñou a demanda competencial en material de tráfico e seguridade viaria, recordando que goza do consenso dos tres grupos parlamentarios en Galiza, que xa lle enviaron ao Congreso unha proposición de lei pedindo facer efectivo ese traspaso.

"Nunca me dou por satisfeito, porque cando se fala de autogoberno a Galiza quédalle moito por avanzar, e a máis autogoberno teremos máis instrumentos para gañar benestar para os galegos", dixo Quintana. "Non renunciamos ao novo estatuto e espero que en 2009 empecemos a traballar outra vez nel", engadiu, pedindo que neste escenario, o goberno español axude a completar o teito competencial no marco do actual estatuto.


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: