A tendencia a limitar a liberdade de expresion na rede segue a aumentar, segundo o informe anual da Universidade de Washington.
Cada vez máis blogueiros están a sufrir represalias por denunciaren violacións dos dereitos humanos ou por criticaren os seus gobernos. Segundo o informe anual da Universidade de Washington, 64 persoas foron arrestadas dende o ano 2003 polos contidos dos seus blogs.
Os casos seguen a aumentar cada ano. Deste xeito, no ano 2007 triplicáronse os arrestos de blogueiros por motivos políticos en relación a 2006. Máis da metade das detencións dos últimos cinco anos producíronse na China, Exipto e Irán.
O informe World Information Access (WIA), do que se fai eco a BBC, explica que os arrestos e encarceramentos se deberon a artigos sobre a corrupción gobernamental, abuso dos dereitos humanos ou represión de protestas. Os blogueiros afectados criticaron determinadas políticas públicas ou puxeron en evidencia figuras políticas.
O aumento das detencións está relacionado, segundo o documento, pola crecente importancia política dos blogs. Apunta que os arrestos tenden a medrar durante épocas de "incerteza política", como datas próximas ás eleccións xerais ou durante protestas a grande escala.
Moitos dos autores acabaron na prisión, con sentenzas medias de 15 meses. A condena máis longa detectada polo WIA foi de oito anos. Porén, o informe recoñece que o verdadeiro número de blogueiros arrestados podería ser moito máis alto do detectado, pois é moi difícil verificar se se produciu algunha detención e onde. Por exemplo, o WIA non puido comprobar se 344 persoas arrestadas en Birmania eran ou non blogueiros.
A todo isto hailles que sumar as restricións tecnolóxicas que se producen en arredor de 30 estados, e que impiden que a poboación se poida expresar a través da rede. E as limitacións non se producen só en Asia. O informe detectou que nos últimos catro anos tamén se produciron detencións de blogueiros británicos, franceses, canadenses e estadounidenses. As previsións son que as cifras sigan a aumentar.