O sindicato móstrase a favor da aprobación do contrato entre produtores e industrias leiteiras que se debaterá o martes sempre que os prezos se fixen de forma obxectiva.
O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.) Roberto García, anunciou que a organización agraria apoiará un contrato homologado entre produtores e industrias lácteas, sempre que se estabeleza "un sistema de fixación de prezos obxectivábeis" tanto nas tendencias á alza como á baixa, que se debaterá na Mesa do Leite convocada por Medio Rural para o martes.
Roberto García explicou que valora esta proposta sempre que "remate coa arbitrariedade actual" na que as industrias leiteiras "deciden cando e canto baixan os prezos". Aínda así, indicou que rexeitará o documento se tan só serve para "pasar dunha relación verbal a unha formal", continuando o dominio das industrias.
A clave do éxito está para o representante de UU.AA. na "boa vontade por parte de todas as partes" xa que "estamos condenados a entendernos". Dende o sindicato contan con este texto de contrato homologado, pero "non de maneira oficial", xa que afirman telo recollido polos seus propios medios e non a través da consellaría e confían en que Medio Rural "terá algo avanzado co resto de organizacións agrarias e coas industrias".