Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores uniron voces este mércores fronte á caída "sen precedentes" dos ingresos pola venda do leite e a carne.
"Queremos un acordo antes de maio, e querémolo por escrito", dixo o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, o primeiro en intervir á chegada da manifestación á Praza da Quintana, "os labregos e os gandeiros son imprescindíbeis para garantir o futuro do país". "Esta loita está empezando", prognosticou Francisco Bello, líder de Xovénes Agricultores, subliñando a súa convicción de que "todos unidos seremos capaces de conseguir prezos estábeis e dignos". En último lugar, falou Carme Freire, secretario xeral do Sindicato Labrego, quen advertiu que "non valen as disculpas do mercado ou da distribución" e insistiu en que existen as condicións para que os gandeiros reciban un pago "digno" polo seu traballo.
Os gandeiros encheron a Praza da Quintana despois de marchar polas rúas da capital, con berros e cartaces en favor das garantías para o "futuro" do sector. A convocatoria foi realizada de xeito conxunto polos tres sindicatos agrarios do país, Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores, alertando da situación "desesperada" na que se atoparían as 14.000 explotacións de leite e as 15.000 de carne de vacún que operan en Galiza. O prezo do leite para o gandeiro caeu nos últimos dous meses en nove céntimos de euro, mentres que os custos de produción aumentaron un 35% cento nos últimos meses.