A iniciativa europea na que colaborarán Galiza e o Norte de Portugal, despregará un servizo de inspección conxunta que elimine a fraude actual no fluxo de traballadores.
A comezos de ano, a Seguridade Social recollía "oficialmente" a presenza de algo máis de 13 mil traballadores portugueses afiliados, a maioría empregados no sector da construción. Das 33 persoas que faleceron o ano pasado no sector da construción, cinco foron operarios portugueses, o que representa que este colectivo concentrou o 15,15% dos sinistros mortais. No entanto, catro destas cinco vítimas mortais faleceron en accidentes de tráfico durante desprazamentos aos seus postos de traballo, de forma que os traballadores lusos representaron o 44,44% do total de mortes in itinere na construción galega.
Por outro lado, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, recoñecía tamén este martes que a situación que afecta a moitos traballadores está derivada de cuestións laborais que teñen relación directa con posíbeis fraudes á Seguridade Social, condicións salariais que transgriden o estipulado no convenio colectivo, excesos de xornada, falta de medidas de seguridade e saúde laboral e indicios de emprego irregular e economía encuberta.
"Tolerancia cero" coa fraude
Admitindo a realidade das denuncias realizadas polas organizacións sindicais galegas e portuguesas, o conselleiro asegurou que se aplicará a máxima de "tolerancia cero" con calquera tipo de práctica que vulnere os dereitos dos traballadores e, "sexan de onde sexan", que desenvolvan o seu traballo en Galiza. Así, prometeu "inflexibilidade" ante este tipo de situacións, xa que asegurou que serán perseguidas "tanto no campo administrativo coma no penal". Ao seu xuízo, "é un feito constatado que a superposición de lexislacións facilita a aparición de situacións fraudulentas".
Por este motivo, o plan presentado esta terza feira en Leiro estabelece a colaboración de Galiza e o Norte de Portugal nun proxecto europeo, a despregar entre os anos 2009 e 2010, e no que se investirá até un millón de euros. O obxectivo será fortalecer a competitividade das empresas en ambos os dous territorios da eurorrexión e "reforzar a calidade do emprego transfronteirizo". A xuntanza desta semana tiña a meta de comezar a articulación dun plan de inspección conxunta.