Touriño e Areces comprometéronse a defender os criterios de dispersión e avellentamento no financiamento autonómico.
Ao termo do noveno cumio Galiza-Asturias, que se desenvolveu o venres e o sábado en Santiago, os presidentes dos dous gobernos manifestaron que comparten criterios sobre o sistema de financiamento autonómico e que defenderán que se teñan en conta as características específicas que comparten, como o avellentamento da poboación e a súa dispersión.
Neste senso, Emilio Pérez Touriño e Vicente Álvarez Areces aseguraron que poderían sumar a súa proposta a outras comunidades con características semellantes, como Castela e León e Estremadura. Os dous mandatarios insistiron en que as balanzas fiscais non deben servir como criterio "nin sequera orientador" par ao novo modelo de financiamento autonómico, e avogaron por darlle máis importancia ao Fondo de Compensación Interterritorial.
O cumio insiste na cooperación entre os pobos veciños que comezou en 1988, coa primeira xuntanza. Touriño e Areces valoraron o feito de ter acadado a declaración como Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón por parte da UNESCO, e anunciaron medidas para impulsala, como a creación dun Consorcio que a xestione e un Plan de Desenvolvemento Sustentábel para ese territorio.
Os dous presidentes tamén se comprometeron a impulsar a colaboración entre os dous territorios en materias como as infraestruturas. Emilio Pérez Touriño e Vicente Álvarez Areces destacaron a marcha das obras da Autovía do Cantábrico, que anunciaron como rematada para 2010 e, un ano antes, o "Y" da Fonsagrada para mellorar a comunicación do interior das dúas comunidades.