O Goberno resolve que "é habitual" neste tipo de axudas a intermediación de deputados, alcaldes, centros galegos e cónsules.
Segundo a investigación realizada, quedaría acreditado que a irmá da implicada segue residindo en Arxentina e que en 2006 solicitou a Emigración unha axuda económica por invalidez e enfermidade permanente. A petición incluía daquela un certificado médico no que se avala que non pode realizar ningún tipo de actividade profesional cun grao de autonomía que a fai "dependente de terceiros para as súas necesidades básicas".
De paso, o informe sinala que María Isabel Blanco fixo uso do billete entregado en virtude do convenio entre a Xunta e Iberia e que non formulou ningunha reclamación ou comunicación posterior ante Emigración. A presunta axente é definida como "unha persoa retornada da Arxentina a Galiza co seu fillo, marido e nai". De feito, asegúrase que existen antecedentes en relación co asesoramento e axudas prestadas para o seu retorno.
"Á vista dos antecedentes relatados pódese concluír que a solicitude parece reunir unhas características similares ás outras que se veñen solucionando con cargo o citado convenio. Efectuáronse as comprobacións habituais neste tipo de xestión e non se aprecia diferenza ningunha con respecto ás demais tramitacións", conclúe o informe.
Dáse por arquivada a investigación
A resolución difundida este martes explica o caso da concesión da axuda a María Isabel Blanco, de quen o PP aseguraba que exercera como axente electoral para o PSdeG nas pasadas eleccións municipais, e descarta así tal vinculación. Na opinión de Presidencia, "non procede iniciar ningún proceso".
O informe admite que a deputada Marisol Soneira foi quen lle comunicou directamente ao secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, a situación de María Isabel Blanco. Ademais, a parlamentaria e responsábel de Emigración do PSdeG, trasladoulle a solicitude de axuda para un billete aéreo para viaxar entre Santiago de Compostela e Bos Aires, "coa fin de visitar a súa irmá enferma". Pero o informe tamén subliña que é habitual neste tipo de axudas a intermediación de deputados, alcaldes, centros galegos ou cónsules.
O PP fala de "trampa" para desorientar a comisión parlamentaria
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, cualificou de "anuncio tramposo" a decisión da Consellería de Presidencia de arquivar a investigación aberta para esclarecer o caso da suposta axente electoral do PsdeG. Din os populares que a Xunta "pretende condicionar e interferir" no labor da comisión de investigación constituída este mesmo martes no Parlamento sobre este asunto.
"Se o Goberno galego alega para o arquivo do expediente que se seguiron os trámites habituais será porque non é a primeira vez que o PSdeG utiliza fondos públicos para financiar a campaña no exterior a través de persoas alleas á Administración", analizou Rueda. Por este motivo, o secretario xeral do PPdeG pregúntase "cantos casos máis de axentes electorais pagados con diñeiro de todos tiveron os socialistas na última campaña". Ademais, recordou que a Xunta "segue sen facilitar" a documentación referente a este caso, malia que o PP "pediuna por vía parlamentaria". "O motivo é que non existe esta documentación", opinou Rueda.