Un ex-empregado de Novell asegura que doou 5.000 dólares a cambio de que o tratasen de xeito favorábel na enciclopedia.
Jimmy Wales
O cofundador e cabeza visíbel da Wikipedia, Jimmy Wales, está a pasar uns momentos difíciles despois de ser acusado de recibir diñeiro a cambio de modificacións na enciclopedia en liña por parte de empresas. Un ex-informático de Novell, Jeff Merkey, asegura que Wales lle dixo en 2006 que editaría persoalmente a entrada da Wikipedia sobre el para facela máis favorábel a cambio dunha doazón substancial.
Merkey fixo unha doazón de 5.000 dólares e na historia de edición da súa entrada na Wikipedia amósase que, por aquel entón, Wales cambiou persoalmente o artigo despois de borralo completamente e pedirlles aos editores que comezasen outra vez. As peticións de Merkey apareceran nunha lista de correo da Wikipedia, a mesma onde Wales considerara unha "parvada" a alegación.
Pero esta non é a única, aínda que si a máis grave, acusación contra Wales nos últimos días. A semana pasada, un antigo executivo da Wikipedia acusou a Wales de usar os fondos da organización para gastos propios. E, antes, unha ex-moza, Rachel Marsden, filtrou transcricións do messenger que amosaban como Wales usara a súa influencia para facer cambios na entrada dela na enciclopedia como un xeito de anoxala.
Wales dixo na lista de correo da Wikipedia que nunca aceptaría doazóns nin ofertas para que calquera mercase un tratamento editorial especial na enciclopedia. Cando borrou a entrada de Merkey en 2006, Wales díxolles aos usuarios da wikipedia que o fixo porque era "irrespectuosa" e que había que ser "coidadosos para ser corteses e asumir a boa fe".
A acción de Jimmy Wales foi criticada por algúns usuarios porque cando se refixo o artigo sobre Merkey, protexeuse para que só os administradores puidesen editalo. Os cambios referíanse a algúns procesos xudiciais nos que estivera implicado Merkey. A compañía Novell denunciárao por presunta apropiación indebida de segredos comerciais.