O ministro principal escocés basea a súa seguridade no sentimento nacional dos seus compatriotas. Ademais, considera que os países pequenos funcionan mellor.
Nunha entrevista concedida ao diario vasco El Correo Digital, o ministro principal de Escocia, o nacionalista Alex Salmond, amósase "absolutamente convencido" de que os escoceses van votar a prol da independencia.
Basea a súa afirmación en argumentos históricos, culturais e de idioma, mais sobre todo no sentimento nacional. "O 85% da xente se sente escocesa antes que británica", afirma.
Ademais, Salmond defende que o países pequenos funcionan mellor: "Os máis entusiastas defensores da UE son os pequenos estados, que ven o beneficio de contar con ese enfoque confederal para viviren xuntos. Coido que a UE é mellor tendo vintecinco países ca seis".
Independencia sen violencia
Preguntado pola independencia de Cosova, sinala: "Fóra da cuestión xeral de que a xente ten dereito á autodeterminación, non hai grandes semellanzas. (...) De buscarmos comparacións internacionais, hai paralelismos máis exactos con Irlanda".
"Vale a pena lembrar que o debate sobre o autogoberno escocés existe dende hai un cento de anos, que o SNP (Partido Nacionalista Escocés) se fundou como forza política hai oitenta e que, en todo este tempo, nin unha soa persoa perdeu a súa vida por argumentar en prol ou en contra do autogoberno ou da independencia", salienta Salmond.