Un reporteiro escocés da canle pública británica viaxa ao noso país: "Os galegos considéranse unha raza aparte. Son primeiro galegos e españois despois. Sóalles familiar?"
"Escocia non é o único país europeo que está a debater o seu futuro constitucional". O xornalista escocés da BBC David Miller comeza deste xeito a reportaxe por entregas Europe gets smaller as EU grows (Europa vólvese pequena, namentres que a UE medra) que o leva a diversos puntos do vello continente, viaxando en compañías aéreas de baixo custe. Galiza é a súa segunda parada.
"Por menos de £200 podo viaxar dende Prestwick a Londres e despois a Santiago de Compostela en Galiza, Roma e, finalmente, á capital eslovaca, Bratislava", comenta Miller na primeira das entregas, publicada na web da BBC este luns. O título da deste martes é ben significativo: Day two - Feeling at home (Segundo día – Sentirse coma na casa).
"Galiza -di- ten máis cousas en común con Escocia ca un tempo chuvioso". "Os galegos considéranse unha raza aparte. Son galegos primeiro, e españois despois. Sóalles familiar?", afirma. Ademais, o reporteiro da BBC salienta a coñecida conexión celta.
"No verán, os gaiteiros tocan nas rúas de Santiago. Os galegos teñen lingua de seu, que está a ser usada cada vez máis na educación e nos sinais de tráfico. E non cometan o erro de chamarlle a isto rexión, para os habitantes de Galiza, isto é o seu país", comenta David Miller, quen lembra que "España está conformada por 17 comunidades autónomas", mais que "o sentimento nacionalista máis forte está en Euskadi, Cataluña e Galiza".
Autogoberno e 'Never again'
"Cheguei para falar cos galegos sobre o seu sistema de goberno. Mais polo que puiden ver os políticos de aquí tamén coñecen ben os últimos acontecementos políticos en Escocia. A vitoria nas eleccións do Scottish National Party suscitou un gran interese", comenta o reporteiro, que salienta que ao igual ca o escocés, o goberno galego preocúpase principalmente de "desenvolvemento económico, saúde e educación".
Respecto á relación co "goberno central en Madrid" di que "non sempre é fácil". Para ilustrar esta afirmación, a BBC bota man dos sucesos políticos acontecidos no noso país tras o afundimento do petroleiro Prestige, en 2002, que provocou "unha crise de confianza".
"A pesca e o turismo son vitais para Galiza. A xente agardaba actuacións rápidas e eficientes para afrontar o desastre ecolóxico desatado. Mais os políticos e funcionarios de Madrid fracasaron. Un movemento político xerado dende a base, chamado Never Again (Nunca Máis), naceu. Os votantes querían respostas galegas aos problemas galegos", comentan na BBC, "algo que é o que máis ou menos os votante conseguiron".
Leccións que Escocia pode aprender de Galiza
Miller di que os galegos non pensamos que os nosos políticos "estean a facer o mellor dos traballos", mais que "non hai un apoio importante para que haxa un cambio constitucional completo. A independencia non está na axenda".
"Xa que logo, que lección pode sacar Escocia de Galiza?", cuestiónase o reporteiro escocés da BBC, e propón entre outras cousas "que a identidade nacional se constrúe dende dentro, non dende fóra". "Séculos de seren españois non conseguiron que ninguén aquí se sinta menos galego", di.