O delegado do goberno español non aclara as acusacións. Os estudantes denunciarán a presenza de policías dentro da facultade sen permiso e o uso de armas por parte dos gardacostas.
(Actualización 18h50)
Serxio Piñeiro, tamén membro do colectivo Agir, é o segundo detido en relación ao acontecido o martes 12 na Facultade de Económicas. Estudante deste mesmo centro, o rapaz foi detido na tarde do venres en Santiago. Mentres, o primeiro detido, Iago Barros, segue retido na comisaría compostelá.
(Actualización 13h25)
A inédita proxección mediática do incidente acontecido o pasado martes na Facultade de CC Económicas da Universidade de Santiago levou este venres a un novo episodio ao producirse unha detención relacionada co caso. Iago Barros, alumno de Dereito, foi arrestado na mañá do venres, malia que non se revelou que cargos existen contra el. A única denuncia ao respecto até o de agora era a realizada pola decana de Economía, Maite Cancelo, quen se achegou á comisaría ese mesmo día pola tarde.
Presenza "ilegal" da policía
Paradoxalmente, o forcexo entre os estudantes que recibían con apupos a María San Gil e os escoltas que lle abrían camiño a mocadas, levou á detención dun dos rapaces aos que lle zouparon, ainda que de momento, unha das únicas ilegalidades probadas son as cometidas polos propios gardacostas da político vasca, que entraron con porras extensíbeis no edificio universitario, onde está prohibido acceder con calquera tipo de arma.
A outra ilegalidade acontecida é a que confirmaba o propio delegado do goberno español, recoñecendo que na Facultade había policías de paisano, presenza policial só permitida se existe unha autorización expresa do reitor.
O grupo estudantil Agir anunciou que presentará denuncia arredor deses dous feitos. Agir presentará ademais unha terceira denuncia polas ameazas telefónicas recibidas por membros do colectivo.
Concentración en Compostela
Para as 20h deste venres, colectivos estudantís convocaron unha concentración en Santiago de Compostela, na Praza de Cervantes, en protesta pola detención.
(Actualización ás 18h)
A USC comunica que esixirá "as responsabilidades administrativas e académicas que correspondan"
O reitor da USC informa de que a institución se cinguirá "á normativa universitaria" para resolver o caso, aínda que sen descartar "persoarse no procedemento xudicial correspondente". O comunicado completo en (.pdf / 88Kb)