O ex presidente do parlamento vasco e os antigos membros da mesa da Cámara, declarados culpábeis por non disolveren o grupo Sozialista Abertzaleak.
Contra todo prognóstico, o Tribunal Supremo español condenou este luns o ex presidente do parlamento vasco Juan María Atutxa (PNV) e os antigos membros da mesa da Cámara Gorka Knörr (EA) e Kontxi Bilbao (EB) dun delito de desobediencia por non disolveren o grupo parlamentario Sozialista Abertzaleak en 2003.
O alto tribunal estimou, xa que logo, o recurso de casación interposto polo sindicato de funcionarios Manos Limpias, que non conta con representación en ningún centro de traballo e que conta co ex dirixente do partido de extrema dereita Fuerza Nueva Miguel Bernard como máximo responsábel, contra a sentenza que absolveu os tres electos.
A sentenza estabelece condenas de tres anos e medio de inhabilitación para cargo público e a obriga de pagar unha multa. Segundo transcendeu, imporáselles dous anos de inhabilitación e 108.000 euros de multa.
"Doutrina Botín"
A decisión, que se deu a coñecer contra as 21.00 horas, foi acordada pola maioría dos maxistrados (oito de doce), desbotando a argumentación da defensa de Atutxa, Knörr e Bilbao e a Fiscalía, así como a coñecida como doutrina do caso Botín.
Esta era a primeira ocasión na que o Supremo debía decidir sobre a súa aplicación a outras causas. No caso do ex presidente do Banco Santander, o TS estabeleceu que nas causas que se tramiten como procedemento abreviado non se lle poderá abrir xuízo oral ao acusado se só o solicita a acusación popular.