O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSXPV) absolveu o ex presidente do Parlamento vasco, Juan María Atutxa, e aos que foran membros da mesa da súa Cámara, Gorka Knörr e Kontxi Bilbao, do delicto de desobediencia á autoridade xudicial, logo de non proceder á disolución de Sozialista Abertzaleak, tal é como ordenara o Tribunal Supremo. Esta é a segunda vez que os procesados conseguen un fallo absolutorio. En 2005, o TSXPV absolvéraos por vez primeira tras determinar que os amparaba a inviolabilidade parlamentaria.
Hai só dous meses, o Tribunal Supremo anulou esa resolución e ordenou ao tribunal vasco profundizar máis na sentenza. Finalmente, o tribunal vasco determinou que Atutxa, Knörr e Bilbao non cometeron un delicto de "desobediencia á autoridade xudicial", previsto no artigo 410 do Código Penal. Pola contra, o fallo asegura que "non houbo confabulación" entre os membros da mesa da Xunta de Portavoces e os da mesa da Cámara de Gasteiz para non cumpriren a orde do Tribunal Supremo.
O xuízo contra o ex presidente do Parlamento vasco e os que foran membros da Mesa da Cámara celebrárase o pasado outubro coa única acusación de Manos Limpias. A asociación pedira dous meses de inhabilitación e multa de 108.000 euros para cada un dos procesados. Pola súa banda, a Fiscalía solicitara a libre absolución dos acusados ao non se demostrar que existira "unha desobediencia aberta" a cumprir a orde do Tribunal Supremo, dado que houbo intentos de arbitrar "mecanismos xurídicos" para a suspensión de Sozialista Abertzaleak.