O executivo estatal non renunciou por completo ao proxecto, que dependerá do estudo de impacto ambiental en preparación, segundo explicou o delegado do goberno español en Asturias.
"O AVE do Cantábrico é un deses elementos de comunicación transversal que supoñen unha mellora substancial para as comunicacións do noroeste", afirmou o delegado do goberno español en Asturias, Antonio Trevín, quen matizou que no caso desta comunidade hai "un elemento fundamental", que é "o impacto ambiental e estrutural". Xa que logo, segundo Trevín, a esixencia dun impacto ambiental "mínimo" será condición para o futuro deste proxecto. Ao respecto, subliñou que de momento a obra segue estando incluída no Plan de Infraestruturas do goberno español.
Por outra parte, e en relación coa posición da Federación Socialista de Asturias, FSA, sobre a liña de alta velocidade do Cantábrico, recordou que este partido "dixo que si ao AVE pero non a calquera prezo". A FSA comunicara inicialmente a súa postura en contra do proxecto, aínda que posteriormente, flexibilizaron a posición, argumentando a necesidade de buscar un trazado alternativo ao que cruza a liña costeira. No mesmo sentido que agora o acaba de facer Trevín, pronunciárase estes mesmos días Álvaro Cuesta. candidato do PSOE ao Congreso por Asturias.