Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP acusa o PSOE de desentenderse do proxecto

Xunta e goberno asturiano renuncian á liña cantábrica de alta velocidade

Para o executivo de Asturias non só deixa de ser prioridade, senón que se recomenda non facer a obra.

Redacción - 09:00 09/11/2007

"As autovías cohesionan e vertebran o territorio, alén de mellorar as comunicacións, pero a alta velocidade só fractura", explicaba esta semana Ana Rosa Migoya, conselleira de Administracións Públicas do goberno asturiano. A voceira do executivo opinou que o AVE cantábrico tería apenas dúas paradas no Principado e dubidou da súa interese económica. Migoya tamén se referiu á posíbel "ferida brutal" á costa de Asturias dunha liña que "ocuparía unha franxa de cen metros aló por onde pasa", feito que na súa opinión lle afectaría negativamente ao desenvolvemento turístico.

As explicacións oficiais desde o goberno asturiano chegan despois que desde a Federación Socialista Asturiana, FSA, anunciasen que non defenderán esa petición de infraestrutura fronte ao goberno español. "Optamos pola vertebración da rede de estradas, con actuacións como a vía Ponferrada-La Espina, a Autovía do Cantábrico e potenciar outros eixos de comunicacións como a alta velocidade con Madrid", afirman desde a FSA. Segundo o secretario de organización dos socialistas asturianos, Jesús Gutiérrez, no canto da alta velocidade defenderán "que se modernice a actual liña do FEVE".

Desde a Xunta, o presidente Emilio Pérez Touriño evitaba este xoves polemizar sobre o asunto, e recoñecía simplemente a constatación de que o proxecto "dificilmente sairá adiante" unha vez que a FSA, no goberno de Asturias na actualidade, subliña que non apoiará a súa construción. Pola contra, na veciña Cantabria, o pé socialista do goberno de coalición si apoia unha conexión de alta velocidade con Euskadi que á vez abra de xeito directo ao resto da Unión Europea a Cantabria.

O PP asturiano cualifica o paso coma "o colmo do disparate"
"Pretenden que os asturianos perdan o tren das oportunidades", queixábase este xoves o presidente do PP de Asturias, Ovidio Sánchez. Na súa opinión sería "un disparate" renunciar a esta infraestrutura. Sánchez destacou que o proxecto foi proposto polo goberno español cando o PP estaba no poder e considerou que o PSOE asturiano "fai o traballo sucio para que Zapatero non teña ningún compromiso novo nin investimento nesta rexión".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: