A Plataforma Veciñal da localidade muxiá e varios colectivos ecolóxicos pídenlle á Xunta que reconsidere o Plan Acuícola.
Sobre as Brañas de Merexo (Muxía, Fisterra) esta previsto que se despregue unha pancarta xigante. Unha aeronave vai sobrevoar a zona e tomar imaxes e os participantes van facer unha cadea humana.
Este domingo, dende as 12.00 horas, os veciños da localidade realizan estes e outros actos para "pedirlle á Xunta por enésima vez que recapacite e evite o dano irreversíbel que suporía expropiar 270.000 metros cadrados (equivalentes a 40 campos de fútbol) de terreos de primeira calidade para darllos en concesión á empresa norueguesa Stolt Sea Farm".
Ademais, os asistentes poden coñecer as afamadas cebolas da localidade, "base da alternativa ao Plan de Acuicultura", segundo informan dende a Plataforma Veciñal de Merexo, convocante da protesta.
Afirman que o único que pretenden con esta mobilización é "preservar o patrimonio de Merexo, que pola súa localización no interior da Ría de Camariñas e polo seu alto grao de conservación -cos seus característicos hórreos e casas de labranza-, é unha das aldeas máis singulares da Costa da Morte, cun potencial agroturístico que Galiza non pode desperdiciar".
Entre outros, participan a Asociación de Veciños A Pergoliña de Camelle, a Plataforma de Afectados Arou (Camariñas), a Plataforma Seiruga Limpa (Malpica), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Plataforma ambiental de Corrubedo, a Plataforma de Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas, Galiza Non se Vende e SOS-Courel.