Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!

Marcha nacional contra o Plano Acuícola. Corrubedo 4-N, 12h.

 Este mércores 10 de outubro presentouse públicamente en Compostela a MARCHA NACIONAL CONTRA O PLANO ACUÍCOLA convocada por plataformas sociais e colectivos de afectados/as de toda a costa galega. Baixo o lema POLA TUA COSTA, POLO TEU MAR: NON AO PLANO ACUÍCOLA faise un chamado a todas as xentes de ben do país a berrar contra esta aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a Xunta. Será no Porto de Corrubedo, o domingo 4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá. NON LLE FALLES AO NOSO LITORAL, NON LLE FALLES AO PAÍS!.

ADEGA - 10:43 11/10/2007
Tags:

Manifesto
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS,
 NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!


Marcha Nacional en CORRUBEDO. 4 de novembro, ás 12:00 da mañá, no Porto de Corrubedo

Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da Xunta.

Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e encefalogramas planos nos despachos.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS
porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido ambiental. Millóns de metros cadrados de litoral liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes– cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido social. A Xunta pretende agasallar ás empresas con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e indecente no eido económico. A acuicultura en terra só representa o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo  – e mesmo poñendo en perigo –  a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de 10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.

ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, chamamos ás galegas e aos galegos a berrar connosco no Porto de Corrubedo, o 4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá, contra esta aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a Xunta.

CONVOCAN
: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.

APOIAN: Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín.


2/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: