O BNG votou en favor da ministra a cambio de que o goberno español desbloquee as transferencias pendentes.
A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, saíu do paso este martes no Congreso polo pelo dun carneiro: 170 votos a prol da reprobación e 173 en contra. Era a sexta vez nesta lexislatura que se producía unha votación similar, pero foi a ocasión onde máis preto estivo de saír adiante a pública censura a un ministro do goberno español. A votación coincidía ademais coa publicación dun mapa de previsión de infraestruturas de alta velocidade a nivel estatal, onde Fomento sinala as liñas Madrid-Galiza como obras para o "horizonte 2020".
A "arrogancia" e "ineficacia" da actuación do Ministerio de Fomento nos últimos momentos, especialmente no que lle toca ao caos ferroviario en Cataluña, eran os motivos argumentados por IU-ICV para a proposta á que se uniron os votos de PP, CiU e ERC. Co Congreso practicamente cheo, en favor da ministra votaron todos os deputados do PSOE, incluídos os de PSC e PSdeG. Nos corredores da Cámara baixa os socialistas negociaron tamén o apoio dos sete deputados do PNV, dos deputados Román Rodríguez, de Nueva Canarias, e Joaquín Calomarde, ex-PP, e dos dous deputados do BNG.
A cambio do apoio do Bloque: recuperación do proceso de transferencias a Galiza
Os votos dos deputados nacionalistas galegos foron en favor da ministra de Fomento, segundo explicaba este martes Francisco Rodríguez, despois de lograr o compromiso do goberno español de desbloquear a negociación das transferencias pendentes a Galiza a través dunha Comisión Mixta e nun prazo non superior a tres meses.
O voceiro do BNG no Congreso tamén avanzou que haberá unha reunión entre o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, antes do vindeiro 15 de decembro "para analizar a situación deste ámbito de autogoberno".
Rodríguez explicou que o BNG opúxose exclusivamente ao noveno punto da moción de IU-ICV, o referido á reprobación da ministra de Fomento, por considerar ademais que se enmarcaba "nunha loita electoral partidista". Pola contra, o Bloque apoia os outros oito puntos, que falan da necesidade de melloras e medidas a adoptar para mellorar os servizos ferroviarios en Cataluña. "Comprendemos a crítica social e a situación de malestar en Cataluña polos problemas ferroviarios", expuxo na súa intervención, ao tempo que esixiu da ministra de Fomento unha actitude "menos prepotente" e "máis positiva".