Reafirmouse o rexedor vigués na posición xa expresada hai semanas. Mentres, o nacionalista Santiago Domínguez laiábase da desvalorización do proxecto.
Recordou este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a fórmula de área metropolitana sobre a que as formacións políticas locais conseguiron un primeiro consenso, e que se integraría por non máis de trinta municipios, en concreto serían 28, e xa que logo en principio priorizando só os que están á beira da propia cidade olívica.
Nese contexto, Caballero referiuse ás recentes palabras do presidente da Xunta, quen falou dun área conxunta Vigo-Pontevedra, coma un "simple pronunciamento" e quixo deixar para máis adiante a guerra aberta ao respecto deste tema. Así, o alcalde asegurou que falaría polo miúdo e "en defensa dos intereses dos vigueses" cando se coñeza en detalle o anteproxecto de lei que prepara a Xunta.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, o nacionalista Santiago Domínguez, expresou a súa convicción de que o modelo proposto polo Goberno "mata" a área metropolitana de Vigo. Na súa opinión, a dimensión proxectada pola Xunta para unha posíbel área Vigo-Pontevedra ou A Coruña-Ferrol, mingua significativamente a ambición "competencial" e a capacidade de incidencia de cada unha delas. Domínguez remitiuse á posición do BNG ao respecto das áreas metropolitanas, salientando que os nacionalistas están a prol dun modelo de área "real" que teña "entidade territorial" e dispoña das competencias necesarias para desenvolverse.