Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTO CABODANO

A Xunta lembra o Prestige como "a peor catástrofe medioambiental da historia de Galiza"

O bipartito aprobou unha declaración institucional e desenvolverá o próximo Consello en Muxía.

Redacción - 14:05 08/11/2007

O Goberno aprobou no Consello deste xoves unha declaración institucional co gallo do inminente quinto aniversario do accidente do Prestige, que cualifica como a peor catástrofe ambiental da nosa historia e que serviu como exemplo de mobilización social e de solidariedade de cara ao mundo. Outro xesto do executivo será desenvolver o vindeiro Consello, o 15 de novembro, na vila de Muxía. Este é o texto integro aprobado polo Consello da Xunta:

Hai cinco anos o buque petroleiro sufriu un accidente fronte ás costas galegas que rematou por provocar a máis grave situación medioambiental na historia de Galicia.

Miles de toneladas de fuel verquidas ao mar ameazaron os ecosistemas litorais, a riqueza do noso océano e a vida e traballo de miles de galegos.

A reacción da cidadanía, porén, non foi a da resignación ou desesperanza, senón a da autoorganización, a loita e o traballo en común.

Galicia, convertida naqueles días en punto de atención de todo o planeta, ofreceulle ao mundo un exemplo extraordinario dunha sociedade activa e solidaria, capaz de reaccionar fronte á desgraza, de mobilizar todos os seus recursos na loita contra o chapapote e disposta a demandar con firmeza democrática, baixo o lema de “Nunca Máis”, unha actuación decidida e coordinada dos poderes públicos.

Foron innumerables as accións e as iniciativas nas que centos de miles de galegas e galegos comprometeron o seu esforzo a raíz da gran mobilización social ocasionada polo accidente do Prestige.

O Goberno galego quere hoxe expresar, unha vez máis, o seu recoñecemento e gratitude a todos os cidadáns que se implicaron dun xeito ou doutro na loita contra a marea negra e os seus efectos.

E, entre todas esas valiosas iniciativas, quere lembrar especialmente a actuación dos mariñeiros galegos, que combateron coas súas propias mans a catástrofe, reducindo drasticamente os seus efectos negativos, e a acción solidaria dos voluntarios, tanto dos galegos como dos chegados doutras partes de España, de Europa e de todo o mundo.

Dende aquela tense andado un camiño. Hoxe temos un país máis protexido, con máis medios e recursos, con sistemas operativos e de prevención que nos permitirían afrontar con maior eficacia e coordinación un feito similar. E existe a disposición política no Goberno galego a seguir traballando por autorresponsabilizarnos da defensa das nosas costas.

Pero debemos seguir recordando o sucedido para evitar que nunca máis Galicia se atope á intemperie. Por iso, o Goberno galego anima a toda a cidadanía a participar activamente nos actos que, tanto convocados por institucións como por colectivos e asociacións cidadás, van ter lugar con motivo deste quinto aniversario do accidente do Prestige.

A sociedade galega soubo converter a traxedia do Prestige nun enérxico incentivo para a recuperación da confianza en si mesma e nas potencialidades de Galicia. Esa é a esperanza no futuro, expresada a través do compromiso cidadán e da solidariedade colectiva, o que debemos rememorar estes días nos que, unha vez máis, diremos si a Galicia e nunca máis á súa marxinación e abandono.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: