Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dentro dos actos de 'Pobre Mundo Rico'

Cine, debate e conferencia de Carlos Taibo contra a pobreza

O Simposio Internacional Pobre Mundo Rico trae á Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova de Pontevedra dúas proxeccións, un debate e unha conferencia de Carlos Taibo contra a desigualdade do mundo.

Redacción - 13:47 22/10/2007

O Ciclo Cinema contra a Pobreza e a Desigualdade celebra a súa segunda xornada en Pontevedra esta segunda feira, coa proxección da longa En el mundo a cada rato e a curtametraxe A urgência. As proxeccións faranse no Centro Social Caixanova de Pontevedra, ás 20:00, e están enmarcadas nas actividades do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, que, organizado polo Club Internacional de Prensa, (CIP) está a recorrer todo este mes, e aínda seguirá o que vén, as capitais galegas.

En el mundo a cada rato
É unha longametraxe producida por Tus Ojos (de Manuel García Serrano) en colaboración con UNICEF. Trátase dunha contribución do cinema á protección dos dereitos da infancia no mundo e componse de cinco historias que abordan as cinco prioridades de UNICEF: a educación das nenas, o desenvolvemento integrado na primeira infancia, a inmunización, a loita contra o VIH/SIDA e a protección contra a violencia, a explotación, e a discriminación. O filme foi rodado na India, Guinea Ecuatorial, Arxentina, Perú e Senegal.

A urgência
De nacionalidade brasileira e guionizada e dirixida por Dellani Lima, A Urgência é unha colaxe electrónica das iconas da cultura revolucionaria, sobrepostas ás imaxes de manifestacións antiglobalización, tiradas da internet

Conferencia de Carlos Taibo: a globalización capitalista
No día a seguir, a terza feira ás 19:30 horas, o profesor Carlos Taibo impartirá, no mesmo lugar, unha conferencia titulada "A globalización capitalista: paraíso fiscal", após a que haberá unha mesa-debate sobre o papel que xogan os Medios de Comunicación ante a pobreza e desigualdade no mundo.

Para Carlos Taibo a globalización capitalista aspira a crear unha especie de paraíso fiscal de escala planetaria, de tal forma que os capitais se poidan mover ao longo do globo, desentendéndose por completo de calquera consideración de cariz humano, social ou ecolóxico. Na súa conferencia Taibo analizará dous grandes mitos vinculados coa globalización: o do seu carácter descentralizado e o da súa condición redutora das desigualdades. Ademais, sopesará a filosofía de fondo do proceso, as súas consecuencias políticas e a natureza das iniciativas de resposta que a globalización provoca hoxe en día.

Un bocado antes da conferencia, ás 17:00 horas, haberá unha mesa-debate titulada Informar, alarmar, concienciar: a que xogan os medios?, na que participarán o director do Suplemento Altermundo de Galicia Hoxe, Manoel Santos; Aloia Álvarez, responsable da Revista Pueblos e Carlos Martínez de Rebelion.org.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Taibo, nuha palestra anterior na Universidade de Vigo / Flickr: amaneiro
Taibo, nuha palestra anterior na Universidade de Vigo / Flickr: amaneiro