Ao longo das súas dúas primeiras semanas na rede, o blog recibiu 1.494 visitas diarias e tramitáronse 35.847 solicitudes.
Xente dos cinco continentes está interesada neste foro sobre pobreza no mundo, sobre todo dende España e América Latina (Arxentina, Brasil, Perú, Venezuela, Costa Rica, Colombia, El Salvador, Chile, Uruguai, México, República Dominicana, Ecuador, Puerto Rico, Panamá, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Guatemala e Aruba, unha das illas das Antillas Menores), e tamén dende Canadá e os Estados Unidos de América.
Pero tamén chegaron usuarios dende outros países de Europa (Gran Bretaña, Irlanda, Alemaña, Suecia, Francia, Holanda, Austria, Suíza, Bélxica, Ucraína, Portugal, Bulgaria, Italia, e Andorra); dende África, con especial incidencia na lusófona: Mozambique, Cabo Verde, Alxeria e Exipto; dende Asia (Taiwán, Filipinas, China e Irán), e dende Australia.
O Club Internacional de Prensa valora moi positivamente a posta en marcha do blog, constituído como vehículo de comunicación interactivo coa comunidade internacional e como ferramenta non só para se inscribir no simposio, senón para achegar ideas, opinar, valoralo e contribuír á súa difusión.
Dous intensos meses de debate
O Simposio Internacional sobre pobreza e desigualdade no mundo, Pobre Mundo Rico, está organizado polo Club Internacional de Prensa da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración de Caixanova a través da súa Obra Social, a Dirección Xeral de Cooperación Exterior e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo. Desenvolverase en outubro e novembro.
Ademais, colaboran intensamente e dende o voluntariado asociacións, organizacións non gobernamentais e persoas a título individual. As fichas de inscrición pódense descargar dende o blog, e enviar a club.inter.prensa@xunta.es ou info@clubinternacionaldeprensa.org.