O presidente da Xunta reuniuse con Cristina Fernández, esposa de Néstor Kírchner e candidata a relevalo na presidencia arxentina nos próximos comicios.
Emilio Pérez Touriño trasladoulle felicitacións a Cristina Fernández polo que considera o "extraordinario traballo que desde a Presidencia actual de Néstor Kirchner se ten feito a prol da estabilidade económica, social e polo avance de Arxentina". O presidente galego quixo precisar que coa súa reunión coa candidata a presidir Arxentina non pretende condicionar o voto dos galegos naquel país e destacou a estreita relación que, asegurou, o une á familia Kírchner desde tempo atrás.
Por outra parte, Touriño salientou a importancia da Obra Social do hospital do Centro Galego, indicando que é a primeira vez que un hospital destas características é caracterizado como obra social, "o que na práctica garante o futuro, a viabilidade e o mellor servizo e prestación sanitaria indefinidamente. Ao respecto agradeceulle o logro desta iniciativa ao presidente Kirchner, ao seu ministro da Saúde, Ginés González, e ao propio presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.