O presidente chegou ao país austral para inaugurar a Delegación da Xunta na cidade de Bos Aires. Para a fin de semana, ten organizada unha xuntanza multitudinaria coa colectividade galega na Costanera.
“Que ninguén entre ata que estea todo listo”, ordeáronlles aos traballadores que están rematando, con urxencia e nos últimos minutos, a planta na que funcionará dende esta fin de semana a Delegación da Xunta na cidade de Bos Aires. A primeira “embaixada” galega será inaugurada este sábado polo propio presidente galego, Emilio Pérez Touriño, que hoxe chegou á Arxentina.
Ainda que se fixeron esforzos por non dar a coñecer a localización da oficina, a prensa galega xa informou que está situada nunha torre de 25 plantas no centro da cidade.
Antes diso, nesta segunda visita institucional ao Cono Sur Touriño ten moitas mans que saudar. Este venres, o titular da Xunta entrevistarase co Ministro do Interior, Aníbal Fernández; co Vicepresidente da Arxentina, Daniel Scioli; e rematará o día visitando a Quinta presidencial de Olivos onde será recebido porla senadora Cristina Fernández, candidata á presidencia e muller do actual mandatario arxentino.
Ademais, a axenda do mandatario non esquece á colectividade galega. Tamén o venres quedará inaugurada -ainda que leva tempo funcionando- a Obra Social do Centro Galego -Ospaña- e que dará ocasión dun saúdo de Touriño á institución que este ano celebra o seu centenario. Tamén o Presidente asistirá a un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia que terá lugar a última hora da tarde.
Para este sábado, tras un encontro cos presidentes dos centros galegos en Bos Aires, o mandatario presidirá un dos actos capitais desta viaxe: a inauguración da Delegación da Xunta na capital arxentina.
Antes de marchar a Uruguai, onde se entrevistará co presidente Tabaré Vázquez, o mandatario galego compartirá cos galegos e galegas bonaerenses un acto multitudinario. Será este domingo ás 11 da mañá nunha enorme carpa de 120 metros con sillas e comida, no paseo Costanera Sur. Tal como fixera na súa primeira visita, Touriño convidará aos presentes con música tradicional ("Xeito Novo" e "Os Furafoles") e a actuación do actor Celso Parada (protagonista de "Libro de Familia" da TVG).