O goberno enmarca as protestas contra o réxime nunha estratexia "neocolonialista" de desestabilización.
O enviado especial da ONU en Birmania, Ibrahim Gambari, reuniuse este martes co líder da Xunta Militar, o xeneral Than Shwe. Fontes diplomáticas indicaron aos xornalistas que a entrevista produciuse na capital do país, Naypyitaw, no búnker da cúpula militar.
Than Shwe, considerado como o principal obstáculo para a democratización de Birmania, acordou este luns falar con Gambari, que chegou a Birmania o sábado e só se entrevistou con rangos medios da Xunta Militar. O diplomático de Nacións Unidas tamén mantivo un encontro dunha hora o domingo en Rangún coa líder do movemento democrático birmano, Aung San Suu Kyi.
Por outra banda, o ministro de Asuntos Exteriores birmano, Nyan Win, xustificou a represión das manifestacións en favor da democracia no seu país porque son parte dunha estratexia "neocolonialista" de desestabilización. As forzas de seguridade suavizaron a súa presenza en Rangún, informan as axencias internacionais.