Continúan as protestas nas rúas de Rangún, malia as ameazas das autoridades de actuar para evitalas. Este luns, produciuse a maior manifestación contra o réxime militar en 19 anos.
Os manifestantes esixen a democratización do país
Varios miles de monxes budistas desafiaron este martes de novo á Xunta Militar de Birmania (Myanmar), que esta semana ameazara con actuar para pórlle fin ás protestas destes nas rúas da capital, Rangún.
A pasada semana os relixiosos intensificaron as marchas pacíficas para reclamar a democratización do país logo de que varios bonzos fosen golpeados pola policía nunha protesta.
No entanto, as protestas comezaron o pasado mes de agosto despois da entrada en vigor dun aumento no prezo dos combustíbeis, que disparou o prezo dalgúns produtos básicos.
Segundo informan os medios locais, vehículos con megáfonos percorren a cidade para advertirlle á poboación de que as autoridades emprenderán accións se se producen novas protestas.
Este luns, unhas 100.000 persoas, a maioría monxes budistas, participaron en Rangún na maior manifestación contra o réxime militar en 19 anos, que foi secundada por mobilizacións similares noutras cidades do país.
Ditadura militar
Membros da Liga Nacional pola Democracia (LND), liderada por Aung San Suu Kyi, premio Nobel da Paz e baixo arresto domiciliario desde 2003, pedíronlles aos funcionarios e aos soldados que se unisen aos manifestantes.
Os xenerais birmanos non permiten a celebración de eleccións lexislativas dende 1990, cando Suu Kyi, á fronte da LND, conseguiu unha vitoria abafadora, resultado que nunca foi acatado pola Xunta Militar.