Nos últimos cinco anos, 585 barcos transitaron con produtos radioactivos polo DST de Fisterra, 34, no que vai de 2007.
A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos informou que no que vai de ano, 34 buques cargados con produtos radioactivos pasaron fronte as costas galegas. Ademais, dende 2002 -ano do sinistro do Prestige-, transitaron polo Dispositivo de Separación de Tráfico (DST) de Fisterra unha media anual de cen deste barcos.
O departamento que dirixe Carme Gallego respondía deste xeito a unha iniciativa do deputado do BNG Bieito Lobeira. O nacionalista insistiu na súa demanda de que se extremen as medidas de control e seguimento dos buques con residuos nucleares que atravesan a costa galega e reclamoulle a Pesca que incremente a atención, posto que se trata dun "volume importante" de tránsitos cun "risco moi elevado".
Competencias
Neste senso, Lobeira solicitou un control rigoroso e información pormenorizada dos buques cando estea previsto que crucen augas galegas para extremar as precaucións, namentres Galiza non ostente as competencias ao respecto.
Ademais, recordou que o transporte marítimo destas características é obxecto de debate internacional dende hai anos, ao punto de que hai estados que non permiten o seu paso polas 200 millas de competencia ou que forzan o seu afastamento a distancias maiores.
Máis de medio milleiro, dende 2002
Ao respecto, a consellaría lémbralle ao BNG que a navegación fronte ás costas galegas está regulamentada pola lexislación internacional e polos convenios internacionais firmados polo goberno do Estado, e que a distancia mínima en que se permite a navegación "quedou estabelecida coa entrada en vigor do DST de Fisterra", dependente do Control Zonal de Coordinación de Salvamento Marítimo.
Aínda que a cifra de buques que cruzan o litoral con substancias radioactivas descendeu respecto a 2002, mantense "máis ou menos constante". Segundo os datos facilitados por Pesca, en 2002 pasaron 120 buques; en 2003, 92; en 2004, 111; en 2005, 122; e en 2006, 106, que xunto aos 34 deste ano suman 585.