Coidan que o goberno español ten que facer campañas de pedagoxía social para que as diferentes linguas sexan valoradas.
O Comité de Expertos do Consello de Europa que está a visitar o Estado Español para ver o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias entrevistouse este venres con representantes dos gobernos catalán, galego e vasco. Os responsábeis de política lingüística das tres nacións, Paquita Sanvicén, Marisol López e Patxi Baztarrika presentáronlle os seus informes á delegación europea.
Os tres gobernos coinciden na necesidade de que as comunidades con lingua oficial “participen e coadxuven no deseño das medidas que adopte o Estado en materia de fomento do plurilingüismo”. Porén, recoñecen que houbo cambios positivos na actitude do Ministerio de Administracións Pública que, por primeira vez, lles deus voz aos gobernos autónomos con lingua oficial.
Os representantes de Galiza, Euskadi e Cataluña explicaron que as linguas propias aínda non gozan dun uso normalizado nas institucións que dependen do goberno estatal. Por iso, piden que o Estado desenvolva “unha pedagoxía social encamiñada a que o conxunto da cidadanía valore positivamente a diversidade lingüística e cultural”. Tamén demandan que se poidan estudar como optativas as linguas cooficiais.