O sindicato nacionalista promove unha iniciativa lexislativa popular para solicitar no Parlamento unha reforma da disposición adicional 17ª, que estabelece un sobresoldo para os altos cargos da Administración.
O sindicato nacionalista CIG informou esta quinta feira da súa intención de realizar unha campaña de recollida de sinaturas entre a cidadanía, co fin de presentar unha iniciativa lexislativa popular no Parlamento.
Esta esixirá a revisión da Lei da Función Pública, concretamente da disposición adicional 17ª, que estabelece un sobresoldo anual vitalicio aos altos cargos da Xunta, incluídos os directores xerais, despois de deixaren a política e volver aos seus postos de funcionarios.
A campaña será presentada publicamente a vindeira semana. A CIG xa está a recoller sinaturas de xeito informal entre os traballadores da Administración, que están a responder satisfactoriamente, segundo informaron fontes da CIG.
Porén, estas mesmas fontes informaron que aínda non teñen constancia de que a proposta fose asinada por algún parlamentario ou alto cargo.