Desde a Xunta argumentan que os altos cargos galegos están entre os que menos cobran do Estado. Con todo, calquera traballador do país sofre dunha perda adquisitiva maior dentro do seu sector.
Este luns aparece publicada no Diario Oficial de Galicia a reforma da Lei de Función Pública de Galicia, que en vinte días desde esta publicación estará oficialmente en vigor. O acordo lexislativo, aprobado polo Goberno o pasado 27 de xullo, modifica a lei vixente desde 1988, estabelecendo novos criterios que, segundo defende o executivo, axudarán á creación dunha administración "máis eficiente, forte e competitiva".
A polémica "Disposición adicional 17ª"
A reforma agora vixente concédelle un sobresoldo anual de 15 mil euros de por vida aos altos cargos despois de que estes deixen a política activa e ao reingresaren nas súas prazas de funcionarios. PPdeG, PSdeG e BNG acordaron, logo dunha emenda proposta polos populares, que poidan gozar dese privilexio os directores xerais ou superiores e directores xerentes de órganos ou entidades públicas e postos na administración incluídos no ámbito da lei de incompatibilidades de altos cargos. Na práctica trátase de que reciban o chamado complemento de destino correspondente ao posto de traballo que desempeñen "ou, se é o caso, ao do seu grao persoal, incrementado na cantidade necesaria, para igualalo ao valor do complemento de destino", segundo fixa a revisión da norma.
A iniciativa foi cualificada de "inxusta, discriminatoria e improcedente", pola Confederación Intersindical Galega, que xa solicitou o derrogamento desa disposición. Avalían que será un custo adicional para os petos dos cidadáns de até 30 millóns de euros cada ano. De momento, e alén das declaracións do presidente en defensa dese extra, a única posición pública ao respecto desde o Goberno é a da actual Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, quen nun artigo publicado en Vieiros expuxo o seu desacordo coa norma. Malia que ela mesma se vería beneficiada por eses cartos, a nacionalista opina que a medida é contraria "á práctica democrática que a política e a ética me esixe como militante, como galega e como funcionaria pública".
O argumento da Xunta a prol do pagamento
Fronte á polémica polo estabelecemento deste sobresoldo para os altos cargos da administración, acordada no Parlamento polos tres grupos parlamentarios, a Xunta esgrimiu xa a finais do mes pasado a diferencia de soldo dos altos cargos galegos respecto aos do resto do Estado.
Así, o salario medio dos directores xerais da Xunta en 2007 é de 56.889,88 euros. Ese soldo só é menor nos gobernos da Rioxa (53.904 euros) e Baleares (53.655 euros). Desde o Goberno xustifican que os directores xerais cobran en Galiza por baixo da media estatal de 60.290 euros ao ano e achegan unha táboa na cima da cal aparecen os directores xerais de Madrid (88.416 euros) e Cataluña (84.985).
Os altos cargos galegos, apenas cinco puntos por baixo da media
Xa que logo, e segundo as cifras que manexa a propia Xunta, un director xeral chega en Galiza a case o 95% do soldo medio da maioría de directores xerais do contorno estatal. E porén, ese diferencial no poder adquisitivo queda significativamente por baixo no que lle toca á maioría dos traballadores galegos. Así, a media do salario queda en Galiza en arredor do 85% do soldo medio dun traballador no resto do Estado, fenda maior segundo o sector que se considere.