Salma e mais eu levamos un tempo tecendo a madeixa do apoio. Eu non podo evitar admirala profundamente. María Reimóndez escribe para Vieiros.
Poder político a cambio de silencio
A semana pasa a toda velocidade entre xuntanzas e visitas aos suburbios revisando todas as actividades do proxecto ata depositarnos o sábado na universidade da man de Manimekalai. Mais non só nos agarda Manimakelai na universidade. Ao chegar está xa na porta o coche oficial da Directora Xeral de Asuntos Sociais para Tamil Nadu, que non é outra que a miña amiga e poeta Salma.
Salma e mais eu levamos un tempo tecendo a madeixa do apoio. Eu non podo evitar admirala profundamente, pensar na súa vida, en que non rematou a primaria e aínda así emperrouse en loitar, en escribir, e finalmente, por unha ironía do destino, entrar en política obrigada polo seu home e pasar de monicreque a protagonista. Cando comeza a falar pregunta primeiro se hai prensa. A resposta é negativa. E entón abre unha ventá só para nós.
O sacrificio da súa voz de poeta pola política. Porque o que Salma escribe non debe ser dito pola Directora Xeral, non debe falar da liberación da sexualidade e do corpo. A súa novela vai ser reeditada e ten medo do que isto poida provocar na comunidade musulmá (a súa). Hai só uns días Taslima Nasreen foi agredida en Hyderabad, no veciño estado de Andhra Pradesh, mentres presentaba unha tradución ao telegu do seu libro.
Salma sente a ameaza tamén sobre o seu corpo, ela é tamén unha muller musulmá que fala en contra dos valores patriarcais. E ela loita coa contradición entre falar e facer refuxiándose en pensar que esta é unha fase transitoria e que precisa aproveitar o poder político que ten agora para cambiar as vidas das mulleres dunha forma tanxible no inmediato e logo recuperar a súa voz pública. A min párteme a alma verlle nos ollos o sacrificio e entender dunha maneira profunda de onde nace.
Máis datos para unha lista de mulleres admirables
Na universidade aproveitamos tamén para coñecer o Centro de Estudos das Mulleres de Manimakelai. O grupo sorpréndese ante a grande interacción do Centro coa sociedade, malia a ser un instituto universitario. O Centro organiza formación para a administración, traballa en institutos e de forma aberta coa cidadanía para reflexionar sobre o xénero e cambiar a sociedade dunha maneira perdurable e significativa.
A lista de mulleres admirables non deixa de crecer cada día. Eu, que vivo con Manimakalai, non descubro nada novo, pero si me reafirmo no compromiso incansable con quen deixa a pel cada día en buscar un alento diferente e unha vida digna e en igualdade para as mulleres.
Crónicas anteriores: