Cóntanos María Reimóndez desta volta as vidas de Faridah e de Nalaswami, na semana en que fai 32 anos.
Cando o proxecto comezou hai catro anos Faridah, ao igual que moitas outras mulleres do seu suburbio, C-block, non saía da casa. Ao vela agora, ninguén o diría. Coa axuda do microcrédito proporcionado polo proxecto non montou un negocio senón dous. Por unha banda instalou unha cabina telefónica na súa casa e pola outra mercou un muíño para facer fariña e vendela. Pero a Faridah non lle chegou con iso. Comprendeu que había cousas importantes que solucionar que non tiñan que ver cos cartos. E por iso se fixo voluntaria de xénero e procura intervir en situacións de violencia e cambiar a mentalidade da súa comunidade con respecto aos patróns de xénero. Pregúntolle como lle parece que ten que acontecer ese cambio e conta que cando empezou a ir á formación moita xente do suburbio a criticaba pero agora recorren a ela cando teñen problemas. Mesmo as súas fillas non se atrevían a saír e participar, tivo que ir coa maior á primeira xuntanza do grupo de mocidade. Pero non xa á segunda. Nin tampouco ás clases de informática que organiza o proxecto. O seu home cociña e axúdaa no negocio. "Creo que cambiándome a min mesma, a miña familia, é a mellor maneira de cambiar a miña comunidade. Debemos ser un exemplo".
Un futuro diferente
Para Nalaswami ser voluntario de xénero foi algo que veu a completar a súa maneira de entender a vida en igualdade coa súa muller. El, que é electricista, xa amosara ser pouco convencional ao casar por amor cunha muller divorciada e ademais de casta diferente. Nunca entendera o por que da discriminación das mulleres. Na súa casa as decisións tómanse de forma conxunta e a súa muller e mais el ambos cociñan e coidan dos seus dous fillos por igual. Agora tenta cambiar o comportamento doutros homes, intervindo en situacións de violencia e abuso contra as mulleres no seu suburbio. Di que é un traballo duro, que queda moito por facer. Pero el ten claro por onde pasa o futuro: "Nós ensinámoslles aos nosos dous fillos a facer as cousas da casa e tamén que, vexan o que vexan ao seu arredor, a violencia e os comportamentos de dominio de homes cara a mulleres non son aceptables e que non deben aprender desas mensaxes". Hoxe saio de Koradan Thoppu confiando no futuro.
32
Despois desta semana longa e complicada, chega o venres. Hoxe fago 32 anos, e considerando que esta semana houbo un intre no que pensei que non chegaría a eles non me parece pouca cousa! Na oficina hai preparada un ano máis unha pequena festa con tarta e parabéns en tamil. Yanira sorpréndeme cuns agasallos estupendos que foi mercar de incógnito. Pola mañá, tamén na casa, Kavin e Ambal me agasallan un Shiva Nataraja (o deus da danza, que en tamil se chama Ambalavanan, por certo, como quen me presenta o agasallo) e Manimakalai un libro. O día transcorre na oficina, tamén é un día festivo para os hindús de Tiruchy, que baixan orar ao río Caveri. Faime graza pensar que é na India o único lugar onde celebro o aniversario (máis ben onde mo celebran), como un hábito deses que fan o fogar. Non en van levo facendo anos aquí con alta regularidade dende os 19...
Cambio de actividades
Esta fin de semana marca o comezo dun impás no meu traballo de avaliación e o inicio de dúas semanas tolas e espero que moi produtivas co grupo do Vanakkam. O Vanakkam (benvida, benvido en tamil) é un ciclo formativo que puxemos en marcha este ano e no que participaron 30 persoas. Foron seis sesións de formación durante tres meses que agora culminan para sete persoas nunha visita ao proxecto para comprobar o aprendido. Van ser días moi intensos, estou segura, esperemos que tamén moi produtivos. E que se cumpra o obxectivo da formación: vir aquí a aprender, e non a ensinar, superando o afán occidental de dar leccións.