Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica dende a India

Cara atrás ata Tiruchy

María Reimóndez volve á India, cun novo proxecto de Implicadas no Desenvolvemento. Cóntanos nas súas crónicas como se desenvolve o traballo.

María Reimóndez - 14:30 18/07/2007
María Reimóndez

María Reimóndez

Abro os ollos e vexo o lombo d'Os libros arden mal. Tardo aínda un pouco en decatarme de onde estou. A calor abafa. No segundo plano d'Os Libros arden mal, Ganesha, Saraswati, Lakshmi, a virxe, as candeas, as fotos do pai de Ambal e outros familiares falecidos no pequeno panteón co que convivo confirma a percepción atordada.

O tamil da película que ven na sala remata de compoñer a imaxe. Cara a atrás, recordo a chegada á casa ás oito da mañá, a aperta de Manimekalai e de Kavin, marcadas polo seu paso por Galicia sen dúbida (antes de visitarnos en abril para o ciclo de conferencias estupendo que deu Manimekalai nunca me saudaran máis que dicíndome "ola"), a viaxe no medio da noite e ver o amencer no coche dende Chennai, saír do aeroporto á unha da mañá (27 graos), a man e a cara de Ambal e Bobby entre a multitude.

E antes diso as nove horas longas de avión dende París, a carreira polo aeroporto de Charles de Gaulle, o avión de Vigo a París ás seis da mañá, o taxi e Vigo que dorme, pechar a porta da casa, a ducha, a maleta, erguerme da cama ás catro e media pensando nos dous meses de durmir no chan. E antes diso unha semana de correr e correr. Agora, a maleta desfeita, sento na cama escoitando a Galegoz e o mundo comeza a artellarse de novo nesta casa que é a miña. Como se fose un día máis, como se a vida non se interrompese cada certo tempo para transcorrer noutro lugar.

Ausencias breves


Ultimamente teño a sensación de que estou aquí permanentemente. Xa non só polo mental, que é certo que nese sentido estou en diversos lugares constantemente, senón polo real de calcular que hai só catro meses que estaba aquí. Hai catro meses estaba novamente en Tiruchy, planificando un proxecto novo. E catro meses antes estaba aquí tamén, traballando nun documental sobre o microcrédito no que neste momento non podo pensar demasiado.

Polo medio a visita de Manimekalai e Kavin a Galicia. Ao final vou ter que pedir a nacionalidade. O outro día falaba coa miña amiga Vic dos meus plans para o ano que vén, que me toca traballo en Etiopía. Contáballe que ía tentar viaxar entre xaneiro e febreiro para poder, despois de dez anos, estar un verán libre para facer outras cousas (como estar na casa). E a súa reacción foi, unha gargallada e: aturarás sen ir á India? A mesma pregunta me fago eu, intuíndo a resposta. Raio.

Australia na mente do cine tamil

Domingo é sinónimo de durmir e películas. Creo que aínda non teño moral para aturar unha película enteira. Estou demasiado cansa. Vexo un anaco e non podo evitar xa o cabreo. A acción desenvólvese en Australia onde un rapaz vai emigrado (nada de maletas e choros no peirao, aquí nas películas vaise con licenciatura e despacho en rañaceos asegurado) e atopa ao seu amor (unha moza tamil, como non) por casualidade de novo en Australia (un lugar pequeno, claro, onde atopar de casualidade a alguén debe de ser moi doado).

O caso é que vai no bus e achégase a el un rapaz branco que lle pon a man enriba da súa unha e outra vez. Estes detalles sempre me deixan pampa. Como son capaces de levar as súas situacións e prexuízos polo cine adiante e como van creando conciencia de absurdos. O acoso nos buses é unha cousa tan india coma o Taj Mahal e van eles e a poñen nun bus de Australia e por suposto en versión homosexual, que iso é o que é occidente, a perversión.

Abráiame e cabréame este vivir permanentemente de costas, dun lado e doutro. Claro que as consecuencias son totalmente diferentes. Os nosos prexuízos bombardean países e crean pobres, os de aquí provocan escenas absurdas en películas e supoño que varios shocks a quen emigra.

De volta na oficina

O rickshaw percorre o camiño coñecido cara á oficina. O ceo está anubrado e aínda así a calor aperta. Cando chego atopo as caras sorrintes habituais que saen saudarme. As animadoras aínda están por chegar. Hoxe organizamos reunión para planificar o traballo. Esta vai ser unha visita intensa pero espero que gratificante. O proxecto remata dentro de dous meses e cómpre facer a avaliación final. A miña será unha parte da totalidade da avaliación, é o momento, despois de catro anos, de recoller os resultados. De aí que cumpra usar unha metodoloxía algo diferente ao habitual. Ademais, entre isto teremos un equipo que vén gravar un documental e as nove persoas que fixeron o Vanakkam, o ciclo formativo que puxemos en marcha este ano e que chegan en agosto. Moita xente, moito que organizar. Non hai tempo que perder.

Proendo

O traballo comeza hoxe de verdade. Nótoo cando abro os ollos ás seis menos cuarto e noto o proer na pel e na cabeza. Tantas veces esa sensación que non me deixa durmir máis. Sen dúbida os seres humanos (eu polo menos) somos seres eléctricos. A min éntranme correntes con frecuencia. Espreguízome no chan un par de veces máis antes de admitir que non vou poder durmir máis e que cómpre erguerse.

Normalmente adoito dedicar este tempo entre as seis e as oito da mañá para "asuntos propios" (tales como traballo pendente que traio da miña outra vida, aprender tamil, danza cando estou en Karaikal e outras cousas semellantes) mais hoxe non podo evitar coller o caderno de traballo e saír á terraza deseñar o estudo de avaliación. Non hai nada como durmir para ter ideas frescas.

Nunca me decatara ata hoxe de que ao lado da nosa terraza, ademais da mesquita que anuncia a oración dunha maneira inconfundible e enxordecedora, hai tamén unha árbore neem. Se cadra é que normalmente cando saio aquí fóra é de noite ou se cadra é que a árbore creceu tanto que invadiu parte da terraza. Anoto mentalmente fregar os dentes cos gallos e sigo traballando. Corre unha brisa fresca. Na casa estamos polo menos a cinco graos máis, calculando que fóra hai como mínimo 25, pasar a 30 significa notar... calor?

Panju Kidangu

A primeira vez que entrei en Panju Kidangu un home caeu a peso no chan sobrecargado coa chea que levaba enriba. Non vou dicir que hoxe todas as persoas que vexo están sobrias. En Panju Kidangu o alcoholismo é rampante. É o suburbio das e dos varredores, da casta que limpa os váteres e os sumidoiros abertos. Un traballo abondo desagradable.

O alcohol unha escusa perfecta para a evasión contra a que levamos loitando tempo. Por suposto a erradicación total do alcoholismo está lonxe, pero a recepción non é a mesma ca aquela vez. Non hai nenas e nenos pola rúa, están na escola. A rúa está limpa e a comunidade construíu un pequeno alpendre onde dar as clases pola tarde e onde reunirse.

Cando me reúno coas mulleres que se foron alfabetizando ao longo do período do proxecto comprobo como nas súas casas hai electricidade, abondos mobles e roupa e un tellado estable. Iso, e a ansia de ler libros, que mercan como un apeiro máis das casas. E os libros para as mulleres son tamén un espazo de soidade, de poder sentar e enguedellarse nalgunha historia. Iso, que é un dereito humano, aquí fai novidade.

Na outra oficina

PDI, a organización local coa que traballamos, ten dúas oficinas. Unha dende a cal se xestiona o noso proxecto e outra, moi preto da casa (da miña casa) dende a que se xestiona outro dos proxectos, o de prevención da SIDA. Panju Kidangu fica preto desta segunda oficina, por iso volvo andando para comer con Bobby, a coordinadora do proxecto da SIDA. É unha comida agradábel de conversas e de plans. Bobby tamén xestiona a formación en artesanía para as mulleres dos grupos de aforro, fan carpetas recicladas que vendemos na nosa tenda de Vigo. Andan agora facendo candeas e pintando en seda. Falamos da posibilidade de certificar o que fan coa etiqueta de comercio xusto, haberá que mirar por esa vía. O esforzo paga a pena.

Mocidade

No grupo de mocidade de Panju Kindangu hai máis rapazas que rapaces, cousa que hai uns anos non era nin pensable. Os grupos de mocidade que operan na maioría das vilas ou cidades son grupos só de mozos que se reúnen para celebrar algunha festa ou ao redor dalgún artista de cine. No proxecto o único requisito para formar grupos de mocidade é que sexan mixtos, cousa que provocou a súa pequena revolución no seu momento.

Como parte da avaliación facemos unha pequena dinámica para avaliar se realmente as mensaxes sanitarias e de xénero están asimiladas. A dinámica é sinxela: nós dicimos unha frase e teñen que dar un paso á fronte se están de acordo con ela ou quedar no sitio se están en desacordo. Os resultados son moi bos, tanto para as cuestións sanitarias (pode un preservativo usarse máis dunha vez? A SIDA transmítese polo tacto? Usar un trapo durante a regra é unha medida hixiénica?) como para as de xénero (un home pode bater na súa muller en certas circunstancias? Ter unha filla é un problema para a familia? As nenas teñen menos necesidade de comer?). As afirmacións utilizan prácticas e prexuízos que existían na comunidade para ver se a mentalidade cambiou grazas á intervención ou non. Polo menos na mocidade hai esperanza.

Dar oportunidades


Gangadevi, unha das voluntarias sanitarias de Panju Kidangu, leva recibindo formación dende hai anos para poder encargarse dos problemas sanitarios da súa veciñanza. Di que ás veces a xente non lle fai caso, pero que polo menos ela ten que transmitir as mensaxes e preocuparse de que as mulleres embarazadas vaian ao médico cando deben, ou de falar da prevención da SIDA, etc. Esta é a esencia do traballo: dar oportunidades. Gangadevi é en si mesma mostra do que isto pode significar cando se aproveitan: o cambio dunha comunidade de forma sustentable.

O futuro funciona xa

Durante estes primeiros días o meu obxectivo é avaliar os compoñentes educativos e sanitarios do proxecto, deixarei para a segunda parte da estadía a avaliación da estrutura que puxemos en marcha para que todo siga funcionando despois de setembro. En cada suburbio hai un consello de desenvolvemento do suburbio e por enriba deles está o consello comunitario, que coordina a todos os consellos dos dez suburbios.

As integrantes escóllense de forma democrática. Polo de agora xa teño un exemplo de que funcionan. Ambiga ten 13 anos e este ano a súa mai estivo a piques de tela que sacar da escola ao non ter cartos abondos para poder pagarlle a matrícula. O pai abandonounas e a mai non dá gañado abondo para manter os tres fillos que ten.

Pero o consello de desenvolvemento do suburbio de Panju Kidangu decidiu intervir na situación e proporcionar unha bolsa a Ambiga, que quere seguir estudando e buscar un emprego a tempo parcial que lle permita ir á universidade. Son boas novas coas que volver, xa na noite, cara á casa despois dun día longo.

Intento errado

Cando abro os ollos o sol peta forte. Aínda son as seis e media, o cal quere dicir que nos agarda un día abrasador. Agardo comezar hoxe coas miñas clases de tamil, á fin, despois de tantos anos, localizamos un mestre que me poida dar clase. Malia a ser unha das linguas máis antigas do mundo cunha literatura escrita dende hai máis de dous milenios, o tamil vive unha situación complexa. Hai só un par de anos que o goberno creou a licenciatura en filoloxía tamil e a recoñeceu como unha lingua clásica.

Malia ser a lingua diaria de 60 millóns de falantes o coñecemento que estes teñen da gramática ou da lingua e literatura en si resulta tan deficiente que durante anos andei á procura infrutuosa de alguén que me dea clase. Ao final parece que non comezarei ata mañá. Xa me tarda saír do meu tamil básico. Será para mañá á fin ou seguirei vivindo nun mundo de linguas inzadas de intentos errados?


3,29/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Implicadas no Desenvolvemento traballando no seu proxecto de Tiruchy
Implicadas no Desenvolvemento traballando no seu proxecto de Tiruchy
Manimekalai, unha das anfitrioas
Manimekalai, unha das anfitrioas