O sábado á mañá haberá sinaturas de exemplares e pola tarde presentarase a recompilación de Esther y su mundo.
'Esther y su mundo' preséntase o sábado
O Salón do Cómic da Coruña, Viñetas dende o Atlántico, chega á súa fin esta fin de semana. Como prato forte da mañá do sábado, algúns dos autores máis importantes que participaron durante estes días na feira asinarán exemplares das súas obras.
Deste xeito, de doce e media a dúas Yoshihiro Tatsumi, Jean-Louis Tripp, Jeff Smith, Juanjo Sáez, Sergi San Julián, Santiago Valenzuela, Rutu Modan e Etienne Davodeau estarán ao dispor dos seus admiradores.
Á tarde, desenvolveranse as derradeiras presentacións e charlas deste ano. Ás seis, Antonio Martín presentará Esther y su mundo. A editorial Glénat rescata o primeiro volume da clásica serie de banda deseñada iniciada en 1971, e que o ano pasado resucitaron a súa autora, Purita Campos, e o guionista galego Carlos Portela, con Las nuevas aventuras de Esther.
A partir das seis e vinte, Jeff Smith, autor do célebre personaxe Bone, conversará co público sobre a súa obra durante algo máis dunha hora. Deseguido, será a quenda do xaponés Yoshihiro Tatsumi, prato forte co que se pechará o ciclo de conferencias. Aínda quedará, como remate, a xornada do domingo, para poder seguir vendo e mercando todo tipo de produtos relacionados coa banda deseñada nos xardíns de Méndez Núñez.