Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Viñetas dende o Atlántico

"É importante que se lea e se xogue en galego"

Pablo Fernández, co-autor d'As Crónicas de Gáidil, que se presenta este mércores na Coruña, falou con Vieiros sobre o primeiro xogo de rol que se publica en galego.

M. del Río - 12:15 15/08/2007

O mércores ás seis e cuarto da tarde no Salón do Cómic da Coruña, Viñetas dende o Atlántico, darase a coñecer As Crónicas de Gáidil, obra de Pablo Fernández Otero e Nacho Rodríguez Domínguez, con ilustracións de Víctor Rivas e editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Vieiros: Que perspectivas de éxito ten unha publicación como As Crónicas de Gáidil?

Pablo Fernández: O importante é que tamén existan xogos de rol na nosa lingua, do mesmo xeito que están O Señor dos Aneis ou Harry Potter en galego. É importante que se venda, pero máis que se venda en galego, se lea e se xogue en galego. Ademais, un só xogo de rol pódeo empregar moita xente. É como se fose un balón de fútbol: pásase de uns aos outros.

V: Ademais de ser en galego, Galiza ten protagonismo no xogo?

P. F.: Toda a ambientación é galega. Desenvólvese nun mundo chamado Gáidil, pero a zona máis descrita nel, Gael-leach, é unha especie de Galiza vista nun espello borroso. Hai unha identificación clara coas cidades do país: Libredón é Compostela, Breogantia, A Coruña, Atlantia, Vigo...

V: Hai moita afección polo rol en Galiza?

P. F.: É imposíbel dar un número exacto. Os xogadores de rol son unha especie á parte. Hai moita máis xente da que pensas. Hainos que xogan en privado e non participan en actos públicos, aínda que compran, e consumen. Senón, non habería tantas tendas nas grandes cidades galegas, e que son rendíbeis. É imposíbel sabelo. Hai xente que xoga pouco, outros xogan moito... Tentar facer un censo é difícil.

V: Pode contribuír a que medre a afección o feito de ser en galego?

P. F.: Creo que se vai interesar moita xente, porque ademais de ser unha rareza, é un xogo novo, unha achega nova, un sopro de aire fresco. Pensamos que pode chamar a atención de xogadores que levan moito tempo, e tamén de outros novatos. É a hora de atraer a rapazada, a xente que leva menos tempo xogando e que non ten os tópicos na cabeza. Poden aprender léxico en galego deste “idioma roleiro” que os que levamos máis tempo temos moi castelanizado.

V: A presentación dun xogo de rol nun salón de banda deseñada non parece unha casualidade. Hai coincidencia dos dous públicos?

P. F.: O xogador de rol medio é unha persoa que se interesa por moitísimas cousas: os videoxogos, algo de cómic, tamén algo de determinado cine, determinada música (sobre todo heavy metal). Hai cousas que están aí vencelladas e que dalgún xeito nos unen. Un xogador de rol medio ten moitos gustos e sofre moito, porque un non pode mercar todo o que desexaría.

V: Xa se poderá mercar o xogo no Viñetas dende o Atlántico?

P. F.: O libro vaise publicar en setembro. Daquela faremos un acto de presentación pública. O que faremos o mércores será conseguir que a xente saiba que existe, que se vexa que hai unha editorial que se atreveu a facelo e un Goberno que se atreveu a financialo. É un xeito de demostrar que o rol non é algo de catro friquis senón que é unha realidade.


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: