Xosé Crespo cre que xa é hora de que se establezan baremos, segundo o tipo de concello e responsabilidade do cargo, á hora de fixar os soldos políticos.
Crespo abandona no outono a Fegamp
Xosé Crespo, presidente da Fegamp e alcalde de Lalín, asegurou este sábado que o que está a ocorrer nos concellos coas retribucións dos políticos semella unha “romaría”. O político dezao cre que chegou a hora de rematar co “libre albedrío” á hora de fixar os soldos. Crespo apunta que é preciso estabelecer baremos segundo a categoría do municipio e do grao de responsabilidade do cargo político.
O alcalde lalinense coida que con esta medida poderíase acabar cos salarios abusivos que existen en moitos municipios e “non valería así a desculpa de que pola súa actividade profesional cobraba moito máis para fixarse unha retribución máis alta, que propicia que, ás veces, o resultado sexa unha auténtica xolda”. Lembrou que coa actual lexislación un acalde dunha poboación de 5.000 habitantes pode cobrar o mesmo ou máis ca un dunha cidade.
Ademais de expoñer a proposta, o presidente da Fegamp anunciou que nos meses que lle queda á fronte desta institución vai facer xestións diante doutras administracións para abrir o debate e ver de solucionar o asunto.