O goberno local aprobou nove exclusividades que suporán un gasto de máis de 413.000 euros.
Sanxenxo terá nove dedicacións exclusivas / Foto:roman-man
Logo dos comicios locais comeza o baile de dedicacións exclusivas nos concellos. A falta dun baremo xenérico, posibilita que cada concello aprobe os salarios que estime. As críticas e acusacións polo volume dos salarios vólvense en contra de todos os partidos.
A última polémica vén dende Sanxenxo. O goberno local aprobou este martes destinar máis de 413.000 euros para nove dedicacións exclusivas. A alcaldesa Catalina González vai cobrar máis de 56.000 euros limpos ao ano, concretamente 14 pagas de 4.008 euros. En total, o consistorio gastará 78.400 euros brutos en pagarlle á rexedora.
Pero o goberno popular decidiu retribuir a todos os seus membros. Os salarios anuais brutos serán os seguintes: Urbanismo (54.600); Cultura (54.600); Xuventude e Deportes (43.750); e Turismo (43.050). Os catro concelleiros restantes terán dedicación parcial que compatibilizarán cos seus traballos: Persoal e Seguridade (34.800); Infraestruturas e Obras (34.800); Medio Ambiente (34.800); e Facenda e Economía (34.800).
O capítulo de gastos deste concello complétase co secretario da alcaldesa (30.050); xefe de prensa (25.980); secretario adxunto (21.328); e xerente de Urbanismo (59.435).