Era o último paso necesario antes da aprobación definitiva da licenza de actividade.
O Consello da Xunta deulle luz verde este xoves ao Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa. O plan establece os sistemas de respostas a posíbeis situacións de risco. A documentación baséase na información aportada pola propia empresa e que foi supervisada polo Goberno.
O plan establece un perímetro de seguridade de 400 metros que, segundo a Xunta, é a zona de risco en caso de accidente. O plan vai estar dispoñíbel na páxina web da Dirección Xeral de Protección Civil tan axiña como se publique no Diario Oficial de Galicia, DOG.
Ao remate do Consello da Xunta, o presidente, Emilio Pérez Touriño, explicoulle aos xornalistas que este era o último paso antes da aprobación definitiva da licenza de actividade. Este trámite ten que resolvelo o Ministerio de Industria.