Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AGARDAN CHEGAR ÁS 15.000

Comeza unha recollida masiva de asinaturas contra Reganosa

Manuel Rivas, Suso de Toro, Xosé Manuel Beiras e Xesús Alonso Montero son algúns dos que amosaron xa o seu apoio.

Redacción - 11:02 18/07/2007

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol iniciou unha campaña de sinaturas para esixir publicamente que non se autorice a entrada en funcionamento da planta de Reganosa. O colectivo agarda xuntar este mesmo mes 15.000 apoios.

Os opositores á planta deron a coñecer nomes de persoeiros públicos que xa asinaron o manifesto: Manuel Rivas (escritor); Teresa Navaza (xornalista); Suso de Toro (escritor); Lino Braxe (poeta e actor); Xosé Manuel Beiras (catedrático); Luis González Tosar (escritor); Xesús Alonso Montero (catedrático); Laura Pérez Landeira (empresaria); Xan Duro (coordenador de Verdegaia); Adela Figueroa (presidenta de Adega); Miguel de Lira (actor); Antonio Carnero Pose (investigador); Manuel Lago Peñas (economista); Enrique Banet López (realizador); Mabel Rivera (actriz); Elina Luaces Ferreiro (actriz); José Naya Díaz (catedrático); Pedro Pomo García (escritor); Modesto Fraga Moure (escritor); Francisco M. López Martínez (escritor); e O. Xavier Castro Martínez (deseñador).

Manifesto en relación coa Planta de Gas que Reganosa constrúe dentro da Ría de Ferrol
Os que abaixo asinan, manifestan o seu total desacordo coa ubicación dunha planta de Gas Natural Licuado dentro da pequena e angosta Ría de Ferrol, que Reganosa esta construíndo sen ter acreditado que cumpre coa lexislación vixente, nas proximidades de núcleos de poboación que suman mais de 100.000 habitantes, cuxa vida ameazaría en caso de entrar en funcionamento, co risco permanente dun accidente grave na planta ou nos grandes buques gaseros cargados de GNL, cuxa ruta de navegación pasaría a escasa distancia da poboación e do arsenal naval militar.

Tamén, no caso de entrar en funcionamento, Reganosa ameazaría a destrución da riqueza natural da Ría, que é o medio de vida de preto dun milleiro de mariscadores, así mesmo sería un grave obstáculo para a declaración de patrimonio da humanidade proposta para os Castelos e Arsenais, ademais de que provocaría perdas no patrimonio histórico e na potencialidade turística.

Denunciamos que é imposible que Reganosa poida cumprimentar os condicionados impostos na súa autorización de construción, sobre distancias de seguridade respecto de as poboacións próximas e para a saída de urxencia dos buques gaseros, polo que non estarían salvagardadas as persoas e os seus bens. Denunciamos o anuncio da súa entrada en funcionamento saltándose ditos condicionados. Así o facemos constar cando aínda estamos a tempo de evitar unha traxedia.

Pola ameaza que implicaría Reganosa para a vida humana nas poboacións próximas e por ser totalmente contraria ao desenvolvemento sostenible da Ría de Ferrol, non debe ser autorizada a súa entrada en funcionamento, trámite que ten a obrigación de solicitar.

Desde o ano 1994 en Cabo Prioriño existe unha ubicación idónea para unha Planta de Gas en Galicia, no mesmo espazo onde se está construíndo o Porto Exterior, con suficiente illamento da poboación e onde se poden cumprimentar todos os requisitos aplicables, a tempo suficiente para que Galicia poida dispoñer dunha plataforma gasista.


4,94/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: