Arredor dun 1,5% quere aforrar a empresa en Ferrol, segundo os estudos, cun proceso que pon en perigo o futuro pesqueiro e marisqueiro da ría.
Para facilitar o transporte desde as zonas de extracción, o gas natural licúase, reducindo o seu volume, e envíase despois nos tanques dos buques gaseiros ás plantas regasificadoras. Aló entran nas redes de gasoductos para a súa distribución final. Xa que logo, millóns de toneladas de Gas Natural Licuado, GNL, chegarán periodicamente á planta de Reganosa en Ferrol.
Alí, e para o proceso de regasificación, a empresa galega escolleou un proceso de vaporización do gas natural que implica quentar o gas a elevadas temperaturas. A enerxía necesaria nese proceso pode obterse de dous xeitos. Ben a través do propio gas xa vaporizado ou ben usando a auga do mar.
Un sistema que "mata" a ría
Esta última opción é precisamente a menos recomendábel e a que ameaza con convertir as augas da ría ferrolá en zona morta. Así, o proceso implica dous ataques directos ao ecosistema mariño. En primeiro lugar, a auga que volve ao mar despois de intervir no proceso, 300 mil toneladas día ou até 600 mil de permitirse a ampliación pretendida pola empresa, faino a temperaturas de até 7 graos menos da inicial, causando un forte impacto sobre o medio mariño. Por riba, e máis grave aínda, a auga volve impregnada de hipoclorito sódico, utilizado pola planta para evitar que na tubaxe e condutos de circulación abrollen organismos que as degraden.
Sistema descartado noutros lugares
Manuel Afonso Domíngues, profesor da Escola Politécnica da Universidade da Coruña e profundo investigador do tema ten estreito contacto con algún dos maiores expertos no mundo neste tipo de plantas e, alén da súa oposición á escolla de ubicación da planta ferrolá, está tamén seguro do erro da opción tecnolóxica de Reganosa. Domíngues cita como exemplo paradigmático o estadounidense, onde se ben aínda non existe unha normativa que estritamente prohiba que as plantas de gas usen ese tipo de sistemas, si existe a convicción asumida de que "hai que facer as cousas doutro xeito".
O profesor ferrolán advirte do paradoxo de que o sistema mesmo está sendo descartado en proxectos de plantas de gas deseñados para alta mar, pola súa agresividade co contorno, xa que causan a eliminación do fitoplancton e poden acabar con millóns de larvas e ovos das especies peixeiras da zona. Os expertos subliñan esa función "biocida" dun proceso que asasina todos os microorganismos mariños arredor. Iso fai incompatíbel o sistema con áreas de actividade marisqueira ou de acuicultura e máis aínda nun lugar como a ría de Ferrol, onde as propias taxas de renovación da auga do interior da ría son baixas e multiplicarían o impacto da regasificadora.
Ao respecto, o Estado español incorporou xa a directiva europea onde a UE subliña a necesidade de esixir o emprego das mellores tecnoloxías dispoñíbeis en cada caso coa fin de afrouxar o impacto sobre o medio. E porén, a planta de Reganosa en Ferrol apostaría así por un sistema que lle permitiría evitar o uso estimado de até o 1,5% do gas obtido no proceso de regasificación no caso de que puxese en marcha o sistema menos agresivo. Ao cabo do ano, un aforro de entre 15 e 20 millóns de euros. Un artigo de Susan Mopper, investigadora da Universidade de Louisiana, nos Estados Unidos, definiu o que un sistema como o escollido pola planta de Reganosa implica para a área mariña que a rodee: "zona morta".