Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A institución constitúese este sábado

PSdeG e BNG selan para a Deputación de Lugo un pacto que remate co clientelismo

Criterios de transparencia, baremos obxectivos, coordinación entre administracións, control da limpeza nas contratacións... Socialistas e nacionalistas esforzáronse na elaboración dun acordo que, alén do relevo no poder, quere destacar o cambio "profundo" que pretenden para a Deputación.

Redacción - 09:00 14/07/2007

Non é casualidade que entre a ducia de compromisos programáticos asinados por PSdeG e BNG este venres apareza explicitamente a promesa de impulsar unha política de selección de persoal na que primen criterios de "concorrencia, igualdade de oportunidades e transparencia informativa". Entre as denuncias ao presunto clientelismo practicado polo equipo de goberno saínte, a miúdo aparecían as acusacións de irregularidades na contratación do persoal laboral da institución.

Xa que logo, socialistas e nacionalistas fixeron esforzo por deseñar un elaborado compromiso conxunto que fai repaso de todos os desafíos demandados desde os bancos da oposición provincial onde sentaron nos últimos anos. O acordo inclúe reproches expresos para "as prácticas instauradas polo PP no goberno da Deputación", censurando que afastasen a institución da súa "finalidade máis xenuína, a asistencia aos concellos". Critican así que neste tempo os populares lle desen cobertura "a prácticas clientelistas incompatíbeis cunha concepción democrática do exercicio do poder e da relación cos cidadáns".
Colaborar no impulso dunha nova "organización do territorio"
Ao xeito do que as dúas formacións políticas xa expresaran tamén no caso do acordo para a Deputación da Coruña, PSdeG e BNG pactan o impulso a través destas institucións dun novo modelo organizativo que aproveite as oportunidades de "concellos, comarcas e áreas metropolitanas". De paso, prometen coordinar políticas coa Xunta, e participar do deseño da futura Lei de Coordinación das Deputacións Provinciais.

De xeito máis concreto, os dous grupos comprométense a ter como prioridade da acción política a cooperación e asistencia aos concellos ·introducindo baremos obxectivos na implementación destas políticas".

Especificamente, acordan completar a transferencia dos hospitais de San José e San Rafael á Consellería de Sanidade; iniciar o proceso de compensación aos concellos afectados polo canon enérxetico en colaboración con eles; colaborar na posta en marcha dos Parques Comarcais de Bombeiros na provincia e elaborar un novo Regulamento Orgánico da institución adaptado á lexislación vixente e que sirva de motor de democratización da Deputación.


4/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: