Os reequilibrios de poder no PPdeG lugués comezarán desde as propias agrupacións locais. Ademais, Xosé Manuel Barreiro considera que mantén un importante apoio no interior do partido.
O actual voceiro parlamentario do PPdeG, Xosé Manuel Barreiro, presenta este venres formalmente e diante da mesa do Parlamento a súa renuncia como deputado. Logo de asumir hai tempo a presidencia do PPdeG en Lugo, aínda que en complicado equilibrio co significativo poder que Francisco Cacharro mantiña desde a presidencia da Deputación Provincial, Barreiro explicou este venres a súa intención de centrarse en exclusiva na "posta a punto" da organización do partido na provincia de cara á próxima cita coas urnas.
Non será unha tarefa doada para o ex deputado lugués. Despois de rachar a relación con Cacharro, definitivamente cortada logo do seu pacto con Núñez Feijoo ás portas do último congreso do PPdeG, afronta o desafío de recompoñer o partido unha vez que os populares perderon o poder na Deputación de Lugo. Ao respecto, Barreiro Fernández desvelou que a primeira tarefa a acometer a curto prazo será a celebración de congresos locais, co obxectivo de "poñer a organización ao día" e facer os "axustes" que a militancia "considere necesarios". A forte caída dos populares en Lugo poñen en clara desvantaxe a corrente de apoios que reuniron consenso arredor de Barreiro, malia que o político lugués non deixará de momento a vicepresidencia do partido, na espera de que unha viraxe nas urnas da provincia lle permita recuperar protagonismo.