O labor da fundación a prol da integración dos toxicómanos, a divulgación do Proxecto Galicia e o centenario do semanario mereceron a distinción.
As Medallas Castelao recoñecerán este ano o labor da Fundación Érguete-Integración, do Proxecto Galicia de Hércules de Edicións e do semanario A Nosa Terra, que celebra o seu centenario. O Consello da Xunta deste xoves aprobou o decreto que concede as distincións.
A Fundación Érguete-Integración, que preside Carmen Avendaño, creouse no ano 1999, despois da andaina da Asociación de Axuda ao Toxicómano Érguete, dende o 84. O seu obxectivo é proporcionar unha formación o máis completa posíbel para as persoas drogodependentes e favorecer a súa completa integración social.
A Nosa Terra fai en 2007 os 100 anos de vida e 30 dende a súa reaparición en Galiza, logo da ditadura franquista e do seu exilio en Bos Aires. O semanario apostou dende o comezo pola defensa da identidade nacional galega e pola normalización do idioma.
O Proxecto Galicia de Hércules de Edicións leva editados máis de 42 tomos nunha aposta pola divulgación enciclopédica do patrimonio cultural do país, coa participación de figuras relevantes da intelectualidade. A editorial naceu en 1985 como un esforzo persoal do seu presidente do Consello de Administración, Francisco Rodríguez Iglesias.