Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Xuntanza entre os presidentes español e vasco

Ibarretxe ofrece apoio na loita contra ETA pero rexeita a Lei de Partidos

Sinala que "non estamos de acordo coa política de exclusión"

Redacción - 18:03 20/06/2007
Zapatero recibiu a Ibarretxe esta cuarta feira na Moncloa

Zapatero recibiu a Ibarretxe esta cuarta feira na Moncloa

Tras dúas horas de reunión entre o presidente do goberno vasco, Juan José Ibarretxe, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, esta cuarta feira, o 'lehendakari' garantiu a "máxima" implicación das institucións vascas na defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns, aínda que matizou que "contra a violencia non vale todo".

Ibarretxe, subliñou a necesidade, "agora máis que nunca", da unidade entre partidos e de "acordos políticos" na loita contra a ETA, xa que actuar doutro xeito, sinalou, sería "entregarlles o leme e a xestión da axenda política".

En referencia á defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o presidente vasco advertiu de que esta materia "debe ser un espazo a compartir", e de que non se pode "misturar co debate político".

Lei de Partidos

Neste senso, Ibarretxe afirmou que "non vale todo" na loita contra a ETA. "Non estamos de acordo coa política de exclusión e coa aplicación da Lei de Partidos", sinalou, e amosou o seu desacordo cunha "política de dereitos humanos que non se contemple para todas as persoas".

Tamén, desbotou que "as vellas fórmulas do pasado", apoiadas polo PP e polo PSOE, sirvan para melloraren as relaciones entre Euskadi e o Estado español, e recordou que este acordo se fixo "en contra do nacionalismo institucional vasco".

"Intento honesto" de buscar a paz

O presidente de Euskadi asegurou que a sociedade vasca está "aborrecida" pola ruptura da tregua da ETA. Dixo que Zapatero liderou un "intento honesto" de buscar a paz, que "mereceu a pena", e que "o hai que tentar unha e mil veces".

Por outra banda, Ibarretxe recordou que "segue a haber un Estatuto", aprobado pola maioría no parlamento vasco -rexeitado no español-, que "segue a ser unha referencia absolutamente válida" para lograr un modelo e "unha relación amábel entre Euskadi e España".

Valoración do goberno español

Pola súa banda, fontes do goberno español, consultadas polos xornalistas tras a reunión, salientaron a decisión dos executivos español e vasco de cooperaren "con firmeza" ante a ameaza da ETA.

"A xuntanza demostra o clima de normalidade" que preside as relaciones entre ambos os dous gobernos, malia ás "diferenzas políticas", que son "lexítimas" e que se manifestan principalmente "no eido dos partidos".

O encontro entre Zapatero e Ibarretxe prodúcese no marco da rolda de contactos aberta polo presidente español tras o anuncio da ETA de romper a súa 'tregua indefinida'.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: