A decisión do candidato do PSN, Fernando Puras, de se presentar á investidura como presidente dos navarros afasta a posibilidade dun acordo coa marca electoral do PP.
Fernando Puras, co presidente do goberno español
Tras a perda da maioría absoluta por parte de Unión do Pobo Navarro (UPN), a marca do PP en Nafarroa ofreceulle abrir negociacións ao PSOE para a formación dun goberno non nacionalista, coa condición de que o presidente fora de UPN
Se un candidato do partido conservador se presentase á investidura, esta só podería prosperar coa abstención ou co apoio dos socialistas. Porén, isto non va ocorrer, segundo adianta o candidato do PSN, Fernando Puras, nunha entrevista ao diario español El País.
A identidade de Nafarroa
Malia que aínda non se pode afirmar que haxa un pacto pechado, son moitas as posibilidades de que o PSN-PSOE chegue a un acordo coa coalición Nafarroa Bai (NaBai), formada por catro forzas políticas nacionalistas, máis Esquerda Unida de Nafarroa, logo dos acordos asinados en seis importantes concellos da comunidade foral.
Porén, Puras adianta que na negociación que se desenvolverá esta semana, hai un límite infranqueábel que polo momento separa a uns e a outros: a identidade de Nafarroa, "tal e como é desde hai máis de mil anos", segundo reiteran no PSN.