O secretario de organización dos primeiros, Xosé Blanco, apela á "xenerosidade" dos segundos, logo de permitirlles gobernar en Pamplona.
Os socialistas navarros deron este luns un paso na dirección que reclama Mariano Rajoy tras o encontro entre este e o presidente do goberno español. Así, negáronse a apoiar a candidatura de Nafarroa Bai á alcaldía de Pamplona, para evitar votar con ANV. Deste modo, o PSOE deixou vía libre para que Yolanda Barcina, de UPN (a marca navarra do PP), siga a ser a alcaldesa, no canto da candidata de NaBai, Uxue Barcos.
Esta terza feira, o secretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, pediu a "xenerosidade" de UPN para que se poida formar un goberno no parlamento de Nafarroa encabezado polo candidato socialista, Fernando Puras, segundo informa o diario español El País. O intercambio de favores podería formar parte da nova estratexia do goberno na loita contra ETA, logo das esixencias do PP na xuntanza deste luns.
Mais semella que os populares aspiran tamén a gobernar na cámara navarra. Tras os comicios, UPN obtivo 22 deputados. O PSOE e NaBai conseguiron 12 deputados cada un; Convergencia de los Demócratas de Navarra, CDN, dúas e IU, outros dous. O PSN ten a opción de apoiar a UPN ou de liderar un goberno con NaBai e IU. Rajoy pediulle a Zapatero que meta presión aos socialistas navarros para que se faga realidade a primeira opción.