A pasada terza, outros nove foron condenados a oito meses de prisión maior e a unha multa de 500 dirhams.
Este xoves, as Unidades de Intervención Rápida marroquís detiveron outros quince saharauís por se manifestaren a prol da autodeterminación do seu pobo. Os apresamentos prodúcense a poucos días de que dean comezo as negociacións entre Marrocos e a Polisario (18 e 19 de xuño, en Nova York) ao abeiro da ONU.
A Fronte Polisario quere negociar un referendo para que os saharauís poidan elixir entre a independencia, a integración en Marrocos e a autonomía, mentres que Rabat ofrece unicamente a autonomía.
Por outra banda, a Polisario advertiu esta semana de que non participará nas negociacións, se na delegación marroquí hai saharauís pro-integración.
Nove estudantes condenados
Tamén, a pasada terza, o tribunal de primeira instancia de Rabat (Marrocos) condenaba nove estudantes saharauís, internados no cárcere de Salé, a oito meses de prisión maior e a una multa de 500 dirhams (preto de 50 euros) cada un, acusados de destrución de bens públicos e desordes.
Estes foran detidos logo de realizaren unha sentada en que reclamaron o dereito do pobo saharauí á independencia, e a liberación dos seus compañeiros detidos nas universidades marroquís de Agadir, Marrakech, Rabat e Casablanca días antes.
Concerto de solidariedade
Por outra banda, este sábado a partir das 21.30 horas no campo de fútbol de Caldelas de Tui haberá un concerto en axuda do pobo saharauí, organizado pola Asociación Solidaria Galega co pobo Saharauí. Actuarán Tonhito de Poi, The Turres Band, Pulpiño Viascon e Phantom Club. A entrada é de dez euros.